A alcaldesa de Narón presidiu a Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero

Marián Ferreiro presidiu a xuntanza celebrada hoxe no Concello con representantes municipais, da subdelegación do Goberno en Galicia, da Comisaría de Ferrol-Narón, e do ámbito educativo e sanitario.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este xoves, ás 12:30 horas, a reunión da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero. Á convocatoria asistiron tamén a subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas; a concelleira de Iguladade de Narón, María Lorenzo; Manuela Vilaboy, xefa da Unidade Contra a violencia sobre a muller; Javier de Loresecha, Comisario da Policía Nacional de Ferrol-Narón; Salvador Campoy, inspector xefe da Brigada de Policía Xudicial da Comisaría de Ferrol-Naron; o xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita; María del Mar Miguélez, vicedirectora do IES As Telleiras; Julia Leira, xefa de Servizo do centro de saúde de Narón e persoal da Policía Local e do Servizo Sociocomunitario da cidade.

A subdelegada do Goberno en Galicia asistiu por videoconferencia ao inicio do acto e felicitou á alcaldesa “pola constitución desta Mesa e a boa colaboración e impulso, que son moi importantes nesta loita”. Así mesmo, Rivas ofreceu a implicación da administración que representa co resto de administracións e destacou que o organismo hoxe constituído “é unha boa ferramenta de coordinación”.

A continuación, Ferreiro definiu ao inicio do acto os obxectivos e funcións desta Mesa, indicando que “é un instrumento no que estamos representados todos os ámbitos municipais implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero e tamén outras administracións e representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado co fin de traballar coordinadamente cun mesmo fin: a erradicación da violencia de xénero”.

Procurar unha maior edificiena da resposta ante a grave vulneración dos dereitos que supón a violencia de xénero é un dos obxectivos deste organismo, que ten claramente delimitadas as súas funcións. “Determinar criterios para a detección precoz dos casos, acordar criterios comúns para atendelos e realizar un seguemento dos casos forman parte das funcións da Mesa Local de Coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, tal e como se indicou na xuntanza.

Manuela Vilaboy abordou os recursos e ferramentas do Ministerio de Igualdade nesta área e ofreceu unha serie de información interna sobre a que poder traballar en base aos protocolos establecidos. Precisamente os protocolos nas diferentes áreas, para educación, policía… foron outro dos asuntos que se puxeron sobre a mesa, co fin de dispoñer dos máximos coñecementos posibles de cara á coordinación deste labor.

Dende a Comisaría de Ferrol Narón, tanto Loresecha como Campoy ofreceron o total apoio, tal e como veñen facendo, na loita contra a violencia de xénero e resumiron tamén os recursos e accións que teñen en marcha con diferentes áreas da sociedade, entre eles o protocolo Cero, de primeiro contacto policial con vítimas de violencia de xénero en situación de desprotección

. Pola súa banda, a xefa de Servizo do centro de saúde e a vicedirectora do IES As Telleiras abordaron tamén a situación dende os ámbitos médico e educativo e dende o Concello fíxose o propio dende o Servizo Sociocomunitario municipal.

A edil María Lorenzo informou sobre as accións desenvolvidas no Concello con cargo ao Pacto de Estado contra a violencia e tamén doutras campañas e iniciativas impulsadas en centros de ensino, perruquerías… avanzando a creación dunha nova aplicable ao mundo do ocio nocturno.

A proposta da presidencia foi convocar aos integrantes da Mesa cunha periodicidade semestral, co fin de que nese período, como explicou Ferreiro, “se dispoña de datos que permitan realizar avaliacións en firme e tomar as decisións pertinentes en función dos mesmos”.

Lea también

Tega denuncia o bloqueo da oposición á proposta do goberno local de modificación da ordenanza de subvencións

Os tres grupos da oposición na corporación local naronesa, PP, BNG e PSOE, votaron na …