O venres 23 conmemórase en toda Galicia o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, cabeza do Rexurdimento da nosa lingua para as letras e muller avanzada ao seu tempo á que só agora comezamos a recoñecer, ademais, como abandeirada do feminismo e a reivindicación da xustiza social.
Os actos de homenaxe van multiplicarse nestes días por todo o país, tendo como referencia o programa da Fundación Rosalía de Castro.
A entidade volve convidarnos a que leamos con detemento a súa obra, a que preparemos o “caldo de gloria” ao que ela se referiu no poema Miña casiña, meu lar e a que participemos nas actividades previstas durante estes días.
No caso de San Sadurniño Cultura organizou unha dúas sesións de contacontos para a rapazada de Infantil e Primaria que terán lugar na Biblioteca municipal o propio venres, unha a partir das 11:00h e outra das 12:00h en diante.
A obra elixida é Procúrase-Pepa A Loba, protagonizada por Cristina Collazo no papel da famosa bandoleira de cuxa existencia real existen certas dúbidas, pero que encarna a figura mítica da ladroa que roubaba para repartir entre as persoas máis desfavorecidas da súa época. Crese que foi coetánea de Rosalía -tería nacido arredor do 1830- e, real ou ficticia, garda certo paralelismo vital coa escritora como muller que logrou entrar nun mundo de homes e destacar no medio deles.
Procúrase-Pepa A Loba adapta a lenda ao público infantil e, de feito, a parte biográfica queda á marxe para que a protagonista, mostrando a súa afouteza, se centre en falar doutras mulleres que se significaron ao longo da historia en distintos ámbitos, entre elas Rosalía de Castro.
A posta en escena combina títeres, música e baile, contos e a narración de historias que se conservan no noso imaxinario compartido e tradicional, co obxectivo de fomentar o uso do galego a través do coñecemento da literatura e cultura popular. Ademais, cada nena e neno levará para a casa cadansúa rosa e un debuxo de Rosalía xunto coa poesía Adios ríos, adios fontes.
Para darlle cabida no espazo da biblioteca a todos os cursos de Educación Infantil e Primaria, Cultura organizou dúas sesións ás 11:00 e ás 12:00h. Por outra banda, desde esta área recoméndase aproveitar as homenaxes e os actos convocados co gallo do aniversario rosaliano para redescubrir a súa obra, afondar na súa vida e revisar, coa perspectiva actual, o ideario e o legado literario que nos deixou.
Un bo punto de partida é a web da Fundación Rosalía de Castro, onde atoparemos unha chea de materiais e tamén propostas, como a de preparar o caldo de gloria e, se sabemos tocar algún instrumento (preferentemente a gaita), atrevernos coa Alborada para Rosalía.