O presidente da Mancomunidade Concellos da Comarca de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou na sesión plenaria celebrada este luns 19, da apertura dun novo prazo para a presentación de ofertas para a contratación do servizo de xestión de residuos voluminosos.
Logo da corrección de aspectos formais do expediente, convócase novamente ás empresas interesadas en prestar o servizo de xestión de residuos voluminosos a través do anuncio publicado na Plataforma de Contratos del Sector Público e no Diario Oficial da Unión Europea.
O contrato non soamente se axusta aos obxectivos normativos de tipo de medioambiental, senón tamén aos de carácter social, xa que se trata dun contrato reservado a empresas de inserción e centros especiais de emprego de iniciativa social.
O servizo sae a licitación por un importe de 945.978,87 euros.
A prestación mancomunada do servizo supón un importante aforro con respecto a súa prestación individual e o novo contrato incorpora as esixencias en materia social e medioambiental impostas pola normativa europea e pola Ley 7/2022, de 8 de abril, de residuos y suelos contaminados para una economía circular, incidindo na redución de residuos e na reciclaxe como prioridades.
Os concellos da comarca de Ferrol teñen establecido diferentes servizos de recollida dos residuos domésticos e comerciais, incluíndose a recollida de residuos voluminosos (mobles e outros enseres).
Características do servizo
A Mancomunidade puxo en marcha en 2011 un servizo mancomunado de xestión dos residuos de enseres e voluminosos procedentes da recollida municipal prestada polos diferentes concellos a través de sucesivos procesos de contratación de servizos, que agora é preciso renovar.
O servizo a contratar consiste na execución das seguintes tarefas: recepción de residuos voluminosos entregados polos distintos concellos da Mancomunidade nas instalacións a dispoñer, almacenamento temporal dos residuos previo á súa xestión final; clasificación, xestión e tramento dos bresiduos recibidos, entre outras.
Os residuos incluídos nesta xestión son: mobles, electrodomésticos, equipos electrónicos (televisores, radios, ordenadores, monitores, videoconsolas…) e calquera outro residuo codificado co LER 200307 non contemplado anteriormente.