Recepción ao alumnado do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 no Campus Industrial de Ferrol

Ricardo Cao, Ana Ares, Marcos Míguez, Vicente Díaz Casás, e Fernando Lago, xunto cos 19 estudantes que este semestre cursan o Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 no Campus Industrial de Ferrol.

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director do Campus Industrial, Marcos Míguez; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Vicente Díaz Casás, e o director de Proxecto de Navantia Seanergies, Fernando Lago, recibiron este mércores, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, ao alumnado da terceira promoción do Máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo (SEAS 4.0).

Ao longo da semana, os 19 estudantes matriculados no máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 e procedentes de Pakistán, Nixeria, Azerbaixán, Sudán, Turquía, Camerún, Colombia, Irán, Rusia e Perú visitarán a cidade departamental e os seus concellos limítrofes, o Museo da Construción Naval (Exponav) así como os estaleiros de Navantia en Ferrol e Fene. Está previsto que mañá, xoves 15 de febreiro, ás 09:15 horas, os reciba o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, nun acto institucional no Pazo Municipal.

A Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle desde o curso 2021/22 o Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0, unha titulación internacional que afonda no estudo e aplicación das tecnoloxías 4.0, de eficiencia enerxética e de mellora medioambiental no eido do sector naval así como na construción e operación do buque. O proxecto, financiado pola Comisión Europea, naceu baixo o paraugas dun consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade de Zagreb (Croacia). Máis tarde, sumaríase ao proxecto a Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña).

A coordinadora principal do Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 é a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade de Nápoles Federico II, Ermina Begovic. O responsable na Universidade da Coruña é o director do Campus Industrial, profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e membro do Grupo Integrado de Enxeñaría (Gii), Marcos Míguez. Na Universidade de Zagreb, a coordinación recaeu no profesor Jerolim Andric, e na da Universidade Técnica de Hamburgo en Franz von Bock und Polach.

O Máster Erasmus Mundus SEAS 4.0 presenta un plan de mobilidade que leva ao estudantado a cursar o primeiro semestre na cidade de Nápoles, o segundo en Ferrol e o terceiro en Nápoles, Ferrol, Zagreb ou Hamburgo segundo as súas preferencias. No que atinxe ao Traballo Fin de Máster (TFM) poderá realizalo en calquera das tres universidades que integran o consorcio, nas universidades asociadas ou ben nas sedes dos denominados socios industriais.

Ao seu remate, o alumno ou alumna recibirá dous títulos oficiais. O primeiro estará emitido pola Universidade de Nápoles Federico II e o segundo pola Universidade da Coruña. A maiores, obterán tamén un documento adicional no que se recollerá o itinerario cursado no terceiro semestre.

O consorcio integrado pola Universidade de Nápoles Federico II (Italia), a Universidade da Coruña (España), a Universidade de Zagreb (Croacia) e a Universidade Técnica de Hamburgo (Alemaña) está a contar co apoio da Universidade Técnica de Dinamarca, da Universidade de Amberes, da Universidade Federal de Río de Janeiro, da Universidade Memorial de Newfoundland, da Universidade de Tasmania, do Touro College de Berlín e máis do centro de supercomputación CINECA.

A maiores, o programa formativo conta co respaldo de 28 empresas e institucións do sector entre as que salientan as españolas Navantia, Ghenova Ingeniería, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Naviera Armas, Astilleros C.N.P. Freire, MAN España ou Oliver Design. A nivel europeo, destacan outros socios industriais como poden ser Grimaldi, Bureau Veritas, Lloyds Register, DNV-GL ou BMT Defence and Security.

Lea también

Psoe Ferrol urxe a reparación e mantenemento dos espazos culturais

A concelleira socialista Montserrat Dopico insta ao goberno de Rey Varela «a acometer as obras …