A alcaldesa de Narón denuncia o uso electoralista do PP do centro de saúde

A alcaldesa denuncia o uso electoralista e o nulo interese do PP en solventar os problemas de persoal e equipamento do centro de saúde

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, lamentou o feito de que o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, visitase a cidade, e máis concretamente as instalacións do centro de saúde, nun día no que non está operativo ao ser festivo en Narón.

“Que o conselleiro visitase este martes 13 co voceiro do grupo municipal do PP e outros integrantes do partido o centro de saúde amosa a escasa importancia que para eles teñen os veciños de Narón e o nulo interese en solventar os problemas diarios que afronta o persoal que alí traballa”, recalcou.

Ferreiro recordou que hai mes e medio que, á vista dos problemas que acumulan as instalacións tanto no referente a equipamento como a persoal, solicitou unha entrevista con Comesaña, que non se lle concedeu senón que se derivou á xerencia da Área Sanitaria. “Non queren escoitar e moito menos solucionar os problemas do centro de saúde, por iso consideraron que era mellor visitalo nun día festivo na cidade”, indicou.

A alcaldesa incidiu tamén no feito de que no pleno do pasado mes de xaneiro se aprobou unha moción instando ao Servizo Galego de Saúde a reforzar con urxencia o persoal do centro de saúde, médicos e administrativos.

“Unha moción que precisamente non votaton a favor os seis edís do Partido Popular de Narón, entre eles o seu voceiro, que si acompañou hoxe a Comesaña na súa visita ao centro”, explicou.

Ferreiro subliñou que “o feito de que nin sequera se molestasen en convocar aos representantes dos grupos políticos municipais amosa o nulo interese que o PP ten por solventar os problemas aos que día a día teñen que facer fronte tanto o persoal administrativo como o facultativo e, polo tanto, os veciños que acuden a este servizo”

Lea también

A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza un obradoiro de toque de pandeireta

A Xornada terá lugar este domingo 13 no Centro Cívico Social de Sedes e será …