A aprobación en Ares do POS+2024 inclúe o acondicionamento da Rectoral

Durante a sesión plenaria extraordinaria desta semana a corporación municipal de Ares vén de aprobar a proposta de investimento do POS+2024, un instrumento económico fundamental para acometer grandes obras coordinando esforzos entre o goberno local e a Deputación da Coruña

E coa distribución destes fondos provinciais, o municipio verá como se materializan tres actuacións urbanísticas.

A primeira delas atinxe a un inmoble de carácter histórico no centro urbano de Ares: a Casa Rectoral da localidade, que contará cunha adecuación do seu interior, traballando en dous niveis: unha planta baixa, con obras na tabiquería, electricidade, carpintería exterior, solados e baños, e unha planta primeira, onde se incorporará un forxado de madeira e unha varanda.

A adecuación contará cun investimento de 152.589, 55 euros, IVE incluído, onde a Deputación da Coruña achega 146.734,45 euros e o Concello, os 5.855,10 euros restantes, consolidándose coma a intervención de maior importe.

A segunda das obras circunscritas no POS+2024 afectará aos camiños de titularidade municipal de A Pena, O Castro e a Louseira, onde se executarán múltiples traballos para o seu arranxo.

Limparanse as marxes da vía e aplicarase un barrido con medios mecánicos; efectuarase un aglomerado asfáltico e logo haberá un reacondicionamento das bocas dos pozos de saneamento. En total, esta mellora dos camiños municipais contará cun orzamento próximo aos 114.000 euros.

Novas instalacións para os máis pequenos 

A última intervención contémplase dentro do POS Complementario e atinxe á área infantil do Parque Rosalía de Castro, ao carón do paseo marítimo, unha zona de moito uso por parte das familias e as crianzas. Cos fondos provinciais, producirase unha renovación da área, ampliando os espazos existentes de xogos infantís e optimizando todo o conxunto a nivel estético e funcional.

Executaranse novas superficies con pavimento de seguridade de caucho, priorizando a protección dos máis pequenos e minimizando as consecuencias dos posibles impactos; instalarase novo mobiliario para o confort e benestar dos adultos e, nas superficies colindantes as áreas de xogo, acondicionarase céspede con aporte de terra vexetal, co fin de mellorar a apariencia da zona de lecer.

A renovación do parque infantil suporá un investimento de 74.995,81 euros entre as dúas entidades públicas (65.149,88 euros a Deputación e 9.845,93 euros o Concello de Ares).

Reforzo económico no gasto social 

A aprobación do Plan Único de 2023 traducirase non só nunha ampliación dos recursos económicos no eido urbanístico, senón tamén un reforzo no orzamento do Departamento de Servizos Sociais de Ares a partir do POS Social.

O municipio contará cunha achega de 45.000 euros que se destinarán integramente ao programa de emerxencias municipais, co foco en dar apoio económico ás unidades familiares en situación de vulnerabilidade.

O investimento social implica unha mellora á hora de sufragar necesidades básicas que se detecten no tecido municipal naquelas situación de exclusión, dando cobertura a cuestións como a vivenda, alimentación, educación ou saúde, segundo a ordenanza reguladora das emerxencias do Concello.

Lea también

El Mago Antón presenta este miércoles en Valdoviño su espectáculo “50”

La propuesta se incluye en el programa “Contares culturais nas festas de verán”. El entorno …