A ANPA O Castiñeiro do CEIP Eladia Mariño de Cabanas iniciou esta semana unha campaña de difusión en redes sociais, en colaboración co centro educativo, para amosar ás familias o Colexio e os diferentes proxectos que se están a desenvolver nel, de cara as xornada de portas abertas que se celebrarán nos próximos días.
Situado nun entorno rural, o CEIP Eladia Mariño conta cun entorno natural no que se desenvolven algunhas das saídas docentes. Ademais, destaca por ter unha ratio reducida, e servizos como o de comedor con xestión directa, que forma parte da Rede de Ecocomedores e se ten convertido nun dos atractivos por parte das familias. Tamén dispón de servizo de transporte escolar, Amencer na Escola e actividades extraescolares.
En canto á docencia, o centro traballa con metodoloxías activas e por proxectos, destacando os obradoiros internivel en Infantil ou o proxecto LÓVA. Trátase ademais dun colexio plurilingüe e pluriinfantil, que conta con auxiliar de conversa e radio escolar propia.
Desde a ANPA O Castiñeiro destacan a calidade da docencia e os servizos do centro, e animan ás familias de Cabanas e os concellos da contorna que estean a buscar colexio para as súas crianzas a achegarse a coñecer o centro.
“Estaremos encantadas de achegar información á xente que estea a valorar diferentes alternativas, para que coñezan tamén as actividades que desenvolvemos desde a ANPA para vincular o centro coas familias”, sinalan desde a xunta directiva, e recomendan visitar as súas redes sociais, Facebook e Instagram, onde estes días realizarán diferentes publicacións de presentación.
Precisamente un dos últimos programas postos en marchas pola ANPA O Castiñeiro é o de Lectura e Familias, a través do cal tivo lugar recentemente un obradoiro de papiroflexia con Antón Cortizas. E para este xoves está prevista a segunda actividade, un obradoiro de máscaras de Entroido en colaboración co artesán Pedras de Papel, que xa ten o aforo completo. Ademais están previstas outras actividades para os próximos meses, que se irán anunciando máis adiante.
Xornadas de portas abertas
O CEIP Eladia Mariño ten programadas diversas xornadas de portas abertas, adaptadas a diferentes dispoñibilidades. Poderase visitar o xoves 15 de febreiro, de 16 a 17h, ou o martes 20 de febreiro, de 10 a 11h ou de 16 a 17h. Ademais, o xoves 22 de febreiro desenvolverase unha xornada de convivencia ás 12h.
Para solicitar máis información, anotarse ás visitas ou programar outro horario diferente, as familias interesadas poden dirixirse ao 981 431 848 ou ao correo electrónico ceip.eladia.marino@edu.xunta.gal.