O Concello de As Pontes en marcha o obradoiro “Tertulias sen coidado”
Unha iniciativa coa que se quere contribuír ao empoderamento, mellora psicolóxica, recuperación emocional e participación das mulleres coidadoras de persoas dependentes no ámbito familiar non profesionais no municipio.
Tania Pardo, concelleira de Benestar Social apunta que, “este obradoiro busca conseguir o reforzamento da súa identidade, da seguridade en sí mesmas, da autoestima e a defensa dos seus dereitos coma mulleres e coidadoras así como axudalas a descubrir, recuperar e potenciar as súas habilidades, destrezas e afeccións artísticas para, en definitiva, mellorar a calidade de vida das persoas participantes mediante o seu empoderamento”.
O programa comprende actuacións de intervención grupal directa coas mulleres coidadoras, co obxectivo de apoiar o proceso de fortalecemento persoal e social das mesmas, introducindo procesos de autoreflexión, análise, activación e autocoñecemento, nun ambiente de respecto, apoio e participación.
Este proceso completarase con tertulias sobre diferentes temas de interese para a vida das persoas coidadoras, nos que as participantes poderán atopar unha fonte onde expresarse, compartir, debater, polemizar e deliberar temas de distinto interese, aportando benestar e equilibrio que lles axudará a coidar de si mesmas mentres coidan doutras persoas, traballando, de maneira simultánea as habilidades e destrezas das mulleres coidadoras nun ambiente cheo de conversas relacionadas co mundo dos coidados, dos dereitos das mulleres e dos avances por alcanzar, entre outros.
Tania Pardo subliñou que neste obradoiro “engadimos os beneficios que aportan as tertulias distendidas nun ambiente cheo de confianza, sen xuízos de valor e con absoluta liberdade de expresión dentro dun respecto grupal de opinión”.
“Promovemos o intercambio de ideas e promove a comprensión de diferentes perspectivas, o que enriquece o debate e a discusión, a aprendizaxe continua, a escoita activa, o desenvolvemento de habilidades de comunicación e o establecemento de relacións sociais así como a construción de redes de apoio que poden mellorar o benestar emocional e promover un sentido de pertenza e comunidade das persoas participantes.”
Todas as actividades se levará cabo na aula polivalente da Casa Dopeso, desde o 26 de febreiro ao 15 de abril de 2024, os luns, de 10.30 a 12:30 horas.
Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse do 14 ao 22 de febreiro, no departamento de Benestar Social do Concello das Pontes ou nos números de teléfono 981 441 008 – 627 779 192