Un total de catorce establecementos de hostalería da cidade de Narón participarán na novena edición do Concurso de tapas de Entroido organizado polo Concello.
Así o anunciou a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que recordou que as persoas interesadas en degustar as diferentes elaboracións que cociñarán poderán facelo dende este xoves 8 ata o 15 de febreiro, incluído.
Os locais participantes son: o mesón O Tapeo, o bar A Toxiña, o mesón Con Arte, Nueva Orleáns, cervexaría Australian, Casa Sindo, El Olivo cocina bar, Fame Kanalla, Confeitura, Silver, bar Tauro, hotel A Roldana, El Colonial e Mamá Flora.
A xente poderá degustar, a un prezo de dous euros, tapas como freixós, pizza de Entroido con grelos, tostas de cocido, empanadillas do Entroido, torrixas de crema de queixo de Arzúa e chicharróns das Pontes, pinchos de porco…
Cada establecemento ofrecerá unha variedade, doce ou salgada, que se servirá durante o período indicado, a mediodía e na tarde-noite. As tapas que se ofrecen en cada establecemento poderán consultarse a través dun código QR impreso nos posavasos que terán os establecementos participantes e tamén se poderá consultar a través das redes sociais do Concello de Narón e do club Narón Gastronómico.
O certame contempla dous premios en metálico para os establecementos participantes que decidirá un xurado profesional e outro popular, un de 500 euros e outro de 300, e tamén tres ceas para a clientela, valoradas en 100 euros cada unha, que deberán ter lugar como prazo máximo ata o 15 de marzo nalgún dos establecementos de hostalería que participen na campaña.
“Quero agradecer de antemán a resposta do sector hostaleiro da nosa cidade, que un ano máis fai posible que levemos a cabo este certame, unha iniciativa que xurdiu tamén para promocionar o sector e dar a coñecer entre a cidadanía de Narón e doutros concellos a gran variedade de establecementos e a calidade do seu traballo”, apuntou Olga Ameneiro.
A edil naronesa animou á cidadanía a achegarse entre o 8 e o 15 deste mes aos locais participantes a desfrutar da gastronomía do Entroido en xeral e das tapas elaboradas para este concurso en particular.