O BNG esixe a gratuidade da AP-9 até Miño durante as obras na Ponte entre Cabanas e Pontedeume

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, visitou na mañá deste luns Cabanas, onde anunciou unha iniciativa parlamentar para solicitar a gratuidade da AP-9 ente Vilar do Colo e Miño durante as obras de rehabilitación da Ponte de Pedra que une Cabanas con Pontedeume pola N-651, cuxo inicio está previsto para este mesmo mes de febreiro. Durante a visita, o deputado estivo acompañado dos candidatos comarcais do BNG Mon Fernández, Sandra Permui e Xosé Manuel Golpe; o portavoz municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela; e representantes do BNG de Pontedeume.

A rehabilitación da Ponte de Pedra é unha actuación que desde o BNG consideran “moi necesaria” polo avanzado estado de deterioro que sufre a mesma, pero que tamén vai afectar de xeito significativo ás conexións na comarca do Eume, pois o tramo de vía afectado une dous concellos intimamente ligados en termos sociais, comerciais e de servizos básicos. Ademais, tamén soporta o tráfico pasante, tanto o
procedente da saída da AP-9 en Cabanas como o que emprega a N-651 como alternativa libre de peaxe entre as cidades de Ferrol e A Coruña.

A execución das obras prevé cortes de carrís regulados por semáforo e mesmo cortes completos nocturnos. “É innegábel que en maior ou menor medida as obras van afectar negativamente á fluidez dun tráfico que xa de por si é elevado, polo que a solución debe pasar por reducir e axilizar o tráfico na Ponte o máximo posíbel” indicou o deputado Néstor Rego. “A única alternativa viábel é liberar a peaxe a AP-9 entre Vilar do Colo e Miño, xa que a seguinte ponte sobre o río -entre Capela e Monfero- supón 38 quilómetros de rodeo por unha estrada de difícil circulación”, concluíu o deputado.

“Suspender o cobro da peaxe nese tramo creando desvíos obrigatorios que dirixan todo o tráfico non destinado a Cabanas ou Pontedeume pola AP-9 permitiría deixar a Ponte de Pedra adicada a uso exclusivo do tráfico local de Cabanas e Pontedeume”,  engadiu o candidato e veciño de Cabanas, Xosé Manuel Golpe. Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG de Cabanas, Iago Varela, agradeceu a disposición de Rego para “trasladar esta inquedanza da veciñanza de Cabanas ao Congreso”, e lembrou que malia ter acordado o pleno -a iniciativa do BNG- solicitar esta gratuidade ao Ministerio de Transportes no mes de novembro, o goberno municipal aínda non deu traslado desta solicitude.

Lea también

La Xunta destaca en Mañón la contribución del programa Leader para crear empleo en zonas rurales

La conselleira de Medio Rural, María José Gómez, ha destacado la contribución del programa Leader …