Hai pouco máis de dúas semanas, a directora xeral de Infancia e Familias, dependente da Consejería de Derechos Sociales y Bienestar do Principado de Asturias, Marta del Arco, e o director da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña, o profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, Valentín Escudero, presentaron en Oviedo a versión experimental da ferramenta dixital SemAS, un instrumento que pretende optimizar a valoración de situacións de vulnerabilidade e de risco na infancia e máis na adolescencia propiciando así unha actuación máis eficaz e precisa por parte dos servizos sociais asturianos.
Tal e como explica o psicólogo e profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Valentín Escudero, os instrumentos existentes ata o de agora, baseados exclusivamente en manuais publicados en papel, resultaban “moi caóticos” á hora de xerar informes e de valorar unha situación de risco. “SemAs aporta innovacións en fondo e forma”, explica do docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol.
“Falamos dun instrumento dixital, dunha aplicación multiplataforma que recolle información detallada e exhaustiva que permitirá valorar as situacións de risco e/ou maltrato e guiar aos profesionais nas súas decisións”, engade. Deste xeito, SemAs incorpora todo o proceso de actuacións previsto para este tipo de casos: a investigación, a avaliación, a toma de decisións, o deseño e a execución do plan de intervención familiar, a valoración do efectos da intervención e a revisión das decisión adoptadas.
O equipo da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) da Universidade da Coruña deseñou a que será a ferramenta de referencia para todo o persoal dos servizos sociais dos 78 concejos do Principado de Asturias e máis para o persoal da súa Consejería de Derechos Sociales y Bienestar. Logo desta fase experimental, estimada nuns 6 meses de duración, a ferramenta será implantada polo goberno asturiano en todo o seu territorio.
O profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, Valentín Escudero, liderou un proxecto no que tamén colaboraron a psicóloga clínica especialista en saúde mental, Paula Marcos, e o psicólogo especialista en psicoterapia con nenos e adolescentes, Carlos de Francisco. Ambos os dous forman parte tamén do equipo que integra o Programa Afrontemos, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida á comunidade universitaria e ás súas familias posta en marcha pola Universidade da Coruña no ano 2020.
Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada
A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) é un servizo de investigación aplicada que ofrece atención gratuíta e especializada ás familias. A súa misión é a de investigar como mellorar a atención terapéutica e educativa ás familias así como a de formar a profesionais neste campo. Do mesmo xeito, ofrece unha intervención de calidade no que atinxe ás relacións de parella, aos problemas psicolóxicos, o maltrato, o falecemento dun familiar, aos problemas escolares ou ás dificultades na adolescencia.
A UIICF, adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria. O profesor Valentín Escudero dirixe un equipo integrado por dous profesores de Psicoloxía e Ciencias da Saúde e no que colaboran unha psiquiatra, catro psicólogos, dúas educadoras sociais e unha coordinadora administrativa que se encarga tamén da atención ás persoas usuarias.