María Rivas visita en As Pontes a exposición “Onte, hoxe e mañá”

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, achegouse ao concello de As Pontes para visitar a exposición: Onte, hoxe e mañá da Térmica Cultural que chega a este concello logo de iniciar a súa andaina o pasado 31 de Marzo en Ponferrada, e ter xa percorrido Asturias e Córdoba.

O Centro de Interpretación da Mina do Concello de As Pontes, acolle dende o pasado 24 de xaneiro e ata o 24 de abril, a exposición Transición Xusta: “Onte, hoxe e mañá”. Grazas ao acordo de colaboración entre a o concello de As Pontes e a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), entidade xestora da Térmica Cultural, As Pontes convértese na seguinte parada na itinerancia desta exposición. Unha vez rematada a súa estancia nesta vila trasladarase a outro territorio de transición xusta.

María Rivas, quixo poñer en valor esta mostra que se vai poder visitar durante tres meses en As Pontes e que comezou a súa andaina o pasado 31 de marzo coincidindo coa inauguración dunha colección de mostras temporais concibidas para achegar a arte e a cultura ás zonas de transición xusta, e que parte da creación propia da Térmica Cultural en Ponferrada.

A exposición temporal Transición Xusta: “Onte, hoxe e mañá” amosa ás persoas que a visitan a realidade das zonas inmersas nos procesos de transición enerxética e as estratexias adoptadas por estes territorios, cun eminente pasado industrial, para adaptarse ao novo contexto.

Así, a mostra reflicte como afrontar os retos económicos, sociais e climáticos do presente, pero sen esquecer o pasado, preservando a identidade mineira e enerxética e buscando a oportunidade de compatibilizar ese pasado coa procura de alternativas de futuro. Este é o espírito desta exposición participativa que narra o impacto e os modelos de adaptación dos territorios en transición para que sexan comprendidos por un público amplo.

Conforma esta mostra 27 paneis con fotografías de Eduardo Urdangaray, creador e responsable do Arquivo Histórico Mineiro e fotoxornalista cunha carreira de máis de 30 anos.

Como complemento a esta exposición, poderase gozar tamén dunha experiencia de realidade virtual chamada Acende a Térmica. Como novidade este experiencia inmersiva levaranos a visitar por dentro a central de As Pontes.

O percorrido virtual ten unha duración de 15 minutos e oferta as persoas visitantes unha viaxe de 360 graos polas instalacións da central térmica de As Pontes para coñecer o seu funcionamento, desde a chegada do cargamento ao parque de carbóns ata o interior da torre de refrixeración.

“La Térmica Cultural”, cultura incandescente

Dende a Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), entidade encargada de comisionar esta exposición, tamén quixeron trasladar que esta mostra itinerante tamén ten como complemento actividades estáticas como a inaugurada o pasado mes de marzo en Ponferrada.

Un espazo denominado “La Térmica Cultural”: un novo espazo para a memoria, a cultura e o lecer en Ponferrada. Este centro cultural, situado na antiga central térmica de Compostilla I, comprende un espazo multiuso concibido como un servizo á cidadanía, que recupera o patrimonio industrial, preserva a memoria e dinamiza o territorio, a través de catro eixos de actuación: actividade museística e expositiva; organización de foros, xornadas e eventos; centro de formación, capacitación dixital e talleres; e espazo aberto á cidadanía e á cultura.

“La Térmica Cultural” alberga espazos musealizados e exposicións permanentes e temporais sobre a enerxía e a innovación, a antropoloxía e a cultura e a identidade mineira e enerxética do territorio. Creado e xestionado pola Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN), a través do Instituto para a Transición Xusta (ITJ), desde este centro cultural trátase de dar visibilidade ás actividades e as zonas de transición xusta no territorio español.

Lea también

Se aprueba en Ferrol la licitación de los contenedores culturales

El alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, ha avanzado diversos temas tratados en la …