A Concellaría de Cultura de Ares vén de anunciar hoxe mércores as actividades que se promoverán polo Entroido 2024, unha programación centrada nas familias e os máis pequenos para que poidan gozar da celebración todos xuntos.
O entroido aresán organizarase o mércores, 14 de febreiro, a partir das 17:00 horas e centralizarase na Praza da Constitución, onde se instalarán as áreas de xogos e inchables, amais do ‘photocall ‘da Sociedade Cultural O Tilo.
A festa continuará cos minikarts, os obradoiros de maquillaxe e antifaces e dous momentos especiais: un doce, co reparto de orellas e chocolate baixo prezos populares, e outro lúdico, co sorteo de agasallos entre as persoas que asistan disfrazadas. Xa coma peche da tarde e da celebración, farase a xa tradicional queima do entroido na praia.
Con todo, dende a Concellaría de Cultura lembran que, no caso de que a climatoloxía non sexa favorable, toda a programación se trasladará á pista exterior do CPI As Mirandas.
Xunto coa Sociedade Cultural O Tilo, tamén colaboran na celebración o Grupo de Gaitas Aresán e Protección Civil da Localidade.