O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, este xoves 1 de febreiro, a partires das 17:00 horas, e o venres 2 de febreiro, a partires das 12:00 horas, as conferencias das persoas galardoadas nos Premios de Investigación 2023 no ámbito das Ciencias Xurídicas e Sociais, das Artes e Humanidades e no das Ciencias da Saúde que promove o Concello de Ferrol.
O xoves 1 de febreiro, ás 17:00 horas, o profesor e integrante do Grupo de Investigación en Macroeconomía e Saúde da Universidade da Coruña, Bruno Casal Rodríguez, impartirá a conferencia titulada “O custo social da soidade non desexada en España”. O seu traballo de investigación acadou o Premio Concepción Arenal 2023, enmarcado no ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas.
Ás 18:30 horas, a doutoranda en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo, Alba Rodríguez Saavedra, presentará a investigación titulada “A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas. Elas, as elididas, a través de Ruth Matilda Anderson”. Acto seguido, falará a profesora e integrante do Grupo de Investigación Arte e Cidade.
AH2 da Universidade de Vigo, Yolanda Barriocanal López, quen afondará no texto “As reformas arquitectónicas nos mosteiros do cister de Galicia logo do seu ingreso na congregación de Castela polo mestre Juan de Cerecedo “O Vello” e os aparelladores do seu círculo”. Ambas as dúas publicacións foron galardoadas co Premio Enxeñeiro Comerma 2023, vinculado ao ámbito das Artes e das Humanidades.
O venres 2 de febreiro, ás 12:00 horas, intervirá o catedrático da Universidade de Granada, Pedro Medina Vico, quen impartirá a conferencia titulada “Os micro arns como actores no desenvolvemento tumoral”.
A continuación, o doutor en Ciencias Forenses pola Universidade de Alcalá, Pablo Prego Meleiro, presentará o texto “Saúde Pública e vixilancia epedemiolóxica da violencia sexual facilitada por drogas en contextos de festa xuvenil”. As dúas investigacións foron galardoadas co Premio Antonio Usero 2023, enmarcado no ámbito das Ciencias da Saúde.
Segundo informa o Concello de Ferrol, a entrega de premios terá lugar, o vindeiro venres 2 de febreiro, en horario de tarde, no Centro Cultural Torrente Ballester