Fene avanza a súa oferta de eventos culturais

O 13 de abril celebrarase en Fene o XI Encontro de Palilleiras, e apenas un mes despois, o 4 de maio, o Encontro das Lavandeiras de Sillobre. Estes dous eventos foron dous dos anuncios que o Concello de Fene adiantou durante a Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrar en Madrid.

Ambos dous Encontros forman parte da aposta do Concello de Fene pola promoción dun turismo cultural, xunto cos festivais musicais Felicia Pop (agosto) e Fene Rock (setembro), e o de arte urbano Perla Mural Fest. Ademais, Fene tamén destacou en FITUR o patrimonio indiano da localidade e o papel do Camiño Inglés, que cada ano está a ser máis relevante no fluxo de visitantes que recibe.

“Os Encontros de Palilleiras e Lavandeiras, xunto co Fene Rock e o Felicia Pop, veñen consolidándose nos últimos anos até terse convertido en referentes e nun atractivo para acoller visitantes” indicou Ángeles Coira, concelleira de promoción económica e turismo.

Coira tamén destacou o papel do Perla Mural Fest que “cunha única edición celebrada conseguiu posicionar a Fene no mapa mundial da arte urbana cun mural que opta a ser o mellor do mundo”, e lembrou que as votacións están abertas até o 30 de xaneiro.

Encontros con empresas do sector

Ademais de Ángeles Coira, tamén acudiu a FITUR representando ao Concello de Fene a tenente de alcalde, Sandra Permuy. Ambas as dúas concelleiras están a manter unha intensa axenda de encontros con empresas do sector turístico durante as xornadas profesionais da feira.

“Nas diferentes xuntanzas e demostracións puidemos coñecer algunhas das ferramentas máis novidosas que están a desenvolver diferentes empresas para mellorar a experiencia durante as visitas, e que ofrecen unha perspectiva global dos desafíos e oportunidades da xestión turística”, concluíu Sandra Permuy.

Lea también

Fene acolle o XX Slalom Scratch

O evento se celebra este sábado 23 de novembro no circuíto urbano de San Valentín. …