O punto informativo municipal sobre o acoso escolar instalarase este venres, día 26, no Centro Comercial Narón, no Alto do Castiñeiro. Así o indicou a concelleira de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, que avanzou que permanecerá operativo dende as 17:30 ata as 19:30 horas.
“Este mes o punto estivo tamén no Centro Comercial Odeón e agora estará no de Narón, áreas cunha grande afluencia de persoas ao longo do día e nas que consideramos que debe estar presente este servizo, que complementa o traballo que realizamos nas aulas coa comunidade educativa de Primaria e da ESO”, informou Ameneiro.
A prevención do acoso escolar e a posta a disposición da cidadanía das ferramentas existentes para detectalo e combatilo son dous dos obxectivos deste servizo. Persoal especializado nesta área encárgase de atender o punto informativo, asesorando ás persoas que se acheguen a recibir información e tamén ofrecéndolles a información dispoñible.
Ao mesmo tempo, tamén se aproveita a ocasión para que as persoas que desexen colaborar realicen unha enquisa a través da que obter datos obxectivos sobre a situación actual.
Aquelas persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1122) ou escribindo un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal.