Fene informa das convocatorias de axudas ó emprendemento e fomento do emprego

A concellaría de Promoción Económica do Concello de Fene informa das diferentes convocatorias abertas para o fomento do emprego, que teñen por obxectivo contribuír non só ao emprendemento, senón tamén ao mantemento e ampliación dos postos de traballo e mesmo o investimento en bens necesarios para o desenvolvemento da actividade.

Nesa liña, se abriu o prazo de solicitude das Axudas PEL da Deputación da Coruña, que contan con catro liñas de actuación: investimentos; autónomos; creación e ampliación do cadro de persoal; e mantemento do cadro de persoal.

Todas elas poderanse solicitar até as 14h do 22 de febreiro a través de https://emprego.dacoruna.gal/axudas

As Axudas PEL Investimento teñen por obxectivo contribuír á consolidación e ao fortalecemento do tecido empresarial nos concellos da provincia da Coruña con poboación inferior a 10.000 habitantes, a través do apoio ao investimento de bens inventariábeis de pequenas, medianas empresas, microempresas e persoas autónomas.

Segundo está recollido nas bases, estes bens poden ser aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipos para os procesos de información.

Por outra banda, as liñas PEL Autónomos están dirixidas a sufragar parte das cotas da seguridade social da anualidade 2024 en concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes, sempre e cando estas superen os 200 € mensuais.

Por último, as outras dúas convocatorias oriéntanse á contratación de persoal, unha delas destinada ás empresas, microempresas e persoas autónomas que precisan crear ou ampliar o cadro de persoal, e outra para o mantemento de postos de traballos indefinidos creados ao amparo da axuda PEL-Pemes Creación e Ampliación na anualidade 2023.

Desde o Concello de Fene informan que tamén está aberta a convocatoria, até o 30 de setembro, unha liña de axudas para a promoción do emprego autónomo posta en marcha pola Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade, con axudas de entre 2.000 e 7.000 €, segundo diferentes casuísticas. Pode solicitarse na Sede Electrónica da Xunta mediante o procedemento TR341D

A concelleira de promoción económica fenesa, Ángeles Coira, valorou positivamente estas axudas “que contribúen non só a que a xente poida emprender os seus negocios, senón tamén a fomentar a contratación e posterior mantemento do posto de traballo de outras persoas”, e lembrou a disposición do Concello de Fene para “resolver as dúbidas que poida ter a veciñanza interesada en solicitar estas axudas”.

Outras liñas de axuda

Máis aló das axudas ligadas ao emprego, desde o Concello de Fene tamén informan de outras liñas de subvención que permanecen abertas, e que poden ser de interese para a poboación local.

O INEGA ten abertas dúas liñas de axudas para a renovación de electrodomésticos (IN414B e IN414C), mentres que a Axencia de Turismo de Galicia subvenciona actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración (TU503A). Finalmente, o Instituto de Estudos do Territorio, ofrece axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos (MT402A).

Lea también

Marcha «Polo Bo Trato» en Neda

Alumnado de los centros educativos públicos de Neda protagonizó un año y la “Marcha polo …