A biblioteca de Cedeira mantén a tendencia positiva en actividade e altas

A biblioteca municipal López Cortón de Cedeira rexistrou o 2023, 152 novas altas co que o número de persoas socias ascende a 5.458 e se mantén a positiva evolución que está a experiementar nos últimos anos.

Cómpre destacar tamén o incremento do número de préstamos de libros realizados no pasado exercicio: foron un total de 6.843, unha cantidade que supera nun 30% os que se prestaron o anterior 2022 e nun 78% aos de 2019. Desde o goberno local celebran a popularidade deste servizo e os seus altos datos de actividade en relación coa poboación.

Dos 6.843 libros que a biblioteca López Cortón prestou ao longo do ano 2023, un total de 3.252 foron para lectores e lectoras adultas, mentres que o resto, 3.591 corresponderon ao público infantil.

Ademais, deles un total de 5.233 estaban en castelán e os restantes 1.610, en galego.

Na evolución de novas altas de socios, cómpre destacar o bo ritmo que se rexistra nos últimos anos despois da pandemia. Así, durante o 2019 fixéranse 103 novos carnés, un número que decaeu ata os 47 no 2020. A recuperación comezou en 2021, con 79 altas, e en 2022 seguiu con 112.

En canto ao número de préstamos, os datos actuais superan en moito aos do ano 2019, exercicio no que se realizaron obras, durante as que o servizo se trasladou ao Palacete. Daquela foron 3.836; pasaron a 2.509 en 2020; 3.228 en 2021; 5.252 en 2022 e os 6.843 do pasado 6.843.

Destaca tamén o número de lectores, é dicir, a conta das persoas que visitan as salas ben sexa para consultar alí calquera texto, estudar ou pedir un libro. No pasado 2023 foron 11.686, fronte aos 10.256 do anterior 2022.

O servizo funciona de luns a venres de mañá e tarde -de 08.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e sábados pola mañá, de 10.00 a 13.00 horas, e os seus fondos están formados por preto de 32.000 libros, aos que se suma a sección de revistas e películas tanto para o público adulto como infantil.

O goberno local realizou no ano 2019 unhas obras de ampliación e instalación dun ascensor, mellorando a accesibilidade do inmoble. Desde aquela realizáronse tamén outras actuacións para mellorar e actualizar os equipamentos da biblioteca López Cortón.

Lea también

Gran éxito de convocatoria en la primera etapa de la ‘Ruta Costeira’ por Valdoviño

En menos de 24 horas, se completaron las 25 plazas que el Ayuntamiento de Valdoviño …