Exponav, Ferrol, acolle a conferencia “Estudo Histórico e Arqueolóxico do Pecio Ribadeo I»

As investigadoras do Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Marta Moreno García e Ana Crespo Solana, imparten este xoves 25 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Sala Carlos III da Fundación Exponav, a conferencia “Estudo Histórico e Arqueolóxico do Pecio Ribadeo I (San Giacomo di Galiza, 1597): Unha Investigación Interdisciplinar” convidadas pola Cátedra Jorge Juan que dirixe a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza.

Ao longo da súa presentación, as investigadoras analizarán os resultados obtidos logo das campañas arqueolóxicas realizadas nos últimos anos neste xacemento e que permitiron recuperar centos de obxectos tales como pezas de cerámica, metais ou anacos de madeira.

A maiores, Marta Moreno García e Ana Crespo Solana farán referencia á relevancia dos 78 restos de fauna atopados aínda que, como ben salientan, estes só representan unha parte moi pequena das provisións cárnicas que este buque de guerra do século XVI levaba a bordo.

Segundo a análise arqueozoolóxica do Laboratorio de Arqueobioloxía do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estes restos pertencen a diferentes porcións cárnicas de vacas, cordeiros, porcos, gansos e incluso a varios tipos de peixe como pode ser a pescada.

Foi en novembro de 2011, durante o dragado da canle de acceso ao porto de Mirasol en Ribadeo (Lugo), cando se localizaron os restos estruturais de madeira pertencentes ao casco do que podía ser unha embarcación do século XVI.

Nunha primeira prospección, o arqueólogo da Xunta de Galicia, Miguen San Claudio, confirmou as dimensións do buque: uns 34 metros de eslora e uns 12 de manga. Desde aquel entón, téñense levado a cabo numerosas escavacións financiadas pola Xunta de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Unión Europea en colaboración con diversas universidades e centros de investigación e máis co apoio da Unidade de Mergullo da Armada en Ferrol.

Grazas a este traballo conxunto, logrouse reconstruír a biografía histórica do San Giacomo di Galicia, tamén coñecido como Santiago, desde a súa construción nun estaleiro de Nápoles (Italia) ata o seu afundimento na ría de Ribadeo (Lugo) en 1597.

Lea también

O Ateneo Ferrolán proxecta o filme «Linda» dentro da programación 25N

Este venres dia 22 as 19.30h dentro da programación do 25N “Día contra a Violencia …