Ferreira estrea o calendario de festas en San Sadurniño

A parroquia de Ferreira honrará ao San Vicente durante a xornada deste sábado 20 de xaneiro.

Ao mediodía haberá misa e sesión vermú, mentres que pola noite a verbena tamén contará con petiscos a prezos populares e moita troula. O San Vicente inaugura o calendario festivo en San Sadurniño, que xa ten postas datas para o San Roque de Naraío do mes de agosto e, tras varios anos sen se celebrar, tamén para a Santa Isabel, en San Sadurniño, de primeiros de xullo. 

O San Vicente de Ferreira deste sábado arrancará  ás 13:00h con misa solemne na igrexa de San Paio seguida dunha sesión vermú animada polo grupo Pasión, xa no campo da festa da Seara.

Á noite, a partir das 21:00h, verbena de novo con Pasión na compaña do DJ. Sebas RDGZ. Ademais tamén haberá liscos, bolas da sartén, chourizos e pan ao prezo de 10€ por ración, co obxectivo de que a ninguén lle falten folgos para bailar e pasalo ben ata altas horas da madrugada.

Este ano volve Santa Isabel

Aínda faltan varios meses, pero xa anda circulando polos establecementos do municipio o avance das festas de Santa Isabel 2024, que se celebrarán os días 2 e 3 de xullo. Mesmo se sabe que orquestras virán: o día 2 a París de Noia e o Grupo Jaque e o 3 o Grupo Pasión e a orquestra New York.

A comisión vai sortear unha cesta de entroido valorada en 300 euros co número que coincida coas catro últimas cifras do cupón da ONCE do día 19 de febreiro.

As rifas poden mercarse en varios bares e establecementos de San Sadurniño ao prezo de 1 euro e o premio caducará 15 días despois do sorteo. Para contactar coa comisión pódese chamar ao 697 392 693

Xantar popular da comisión de festas de Naraío 2024

En Naraío, a comisión de festas tamén leva varios meses cos preparativos do San Roque 2024. Teñen editado un calendario, hai camisetas e, como non, tamén organizan un xantar co que recadar fondos para facer un patrón ben cumprido.

Será o sábado 16 de marzo na polideportiva da Veiga ao pé do campo de fútbol, con menú para persoas adultas a 28€ (callos, tenreira asada, sobremesa, bebida e café) e a 12€ para a rapazada maior de 7 anos (tortilla, pizza, croquetas, fritidura de polo, sobremesa e refrescos).

Hai que reservar antes do 8 de marzo chamando a calquera dos seguintes teléfonos: 676 011 515, 603 420 127, 697 725 117, 627 933 617, 647 094 142, 610 766 194. Os tickets tamén están á venda na Cooperativa.

O evento comezará ás 13:30h cunha sesión vermú animada polo dúo D’Ases. A festa reanudarase trala sobremesa con máis música do dúo e dun picadiscos.

Lembramos que as comisións de festas e entidades que queiran publicitar os seus eventos no boletín Novas, na web municipal e nas redes sociais do Concello, só teñen que enviar a información chega co cartel anunciador, ao enderezo electrónico concellodesansadurnino@gmail.com, ou ben como mensaxe ao Facebook.

Lea también

Ares comeza co Nadal iluminando os mellores desexos da veciñanza

A concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao …