A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades saca a licitación as obras de restauración do retablo maior da igrexa de San Martiño do Porto en Cabanas, por un importe de 31.864,14 euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou este martes 16 a contratación destes traballos cos que se pretende recuperar este retablo de estilo neoclásico que presenta un mal estado de conservación debido a un forte ataque de térmite, visible principalmente nos elementos laterais.
As actuacións a executar consisten na desmontaxe do retablo e posterior desinsectación por parte dunha empresa especializada. A tenor do mal estado no que se atopa este elemento a nivel estrutural, procederase ao reforzo da súa estrutura e á substitución de elementos de carpintería danados. Ademais acometeranse as reintegracións volumétricas e resaneado de gretas, o estucado de lagoas coa aplicación dun aparello de xeso e cola e a reintegración cromática para finalizar coa aplicación dun verniz.
O contrato recolle tamén a restauración da imaxe de San Martiño, consistente no estucado e reintegración de lagoas nas zonas de preparación policromía. Os traballos contan cun prazo de execución de 2,5 meses e as empresas interesadas en acometelos dispoñen ata o vindeiro 1 de febreiro de para presentar as súas ofertas.
A igrexa de San Martiño do Porto, está protexida polo seu valor cultural ao ser un ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.