A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o acto de homenaxe aos “Usuarios de honra 2024” da Biblioteca municipal.
Á convocatoria asistiu a edil de Bibliotecas de Narón, Olga Ameneiro, e as persoas premiadas en ambas categorías, infantil e adultos. Con este acto conmemórase na cidade por undécimo ano o Día dos usuarios da Biblioteca.
Ferreiro e Ameneiro entregaron aos usuarios de honra un diploma acreditativo e un pequeno agasallo institucional, ademais de entradas para espectáculos ao Pazo da Cultura. Na categoría infantil (ata 14 anos), obtiveron a distinción pola súa especial implicación coa biblioteca durante o pasado ano Thiago Regueira Lage, Lucía López Picos, Cloe Paz Marente, Isabel López Silva e Noel López Veiga.
Así mesmo, na categoría de adultos entregóuselles o diploma a Antonio Ricardo Isolino Brea Costa, Noelia Ferreiro Paz, Emilia Bogo Castro e Víctor Manuel Castiñeira Díaz.
Ao inicio do acto a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, dirixiron unhas palabras aos asistentes, felicitando ós nenos e tamén ás persoas adultas que este ano recibiron a distinción de usuario de honra da Biblioteca municipal.
Así mesmo, Ferreiro aproveitou a ocasión para destacar o feito de que a día de hoxe o número de usuarios con que conta o centro como Biblioteca de referencia na rede é de 11.044.
“Os usuarios sodes o pilar destas instalacións, nas que cada ano tratamos de incrementar fondos, actividades e servizos. Grazas ás familias e ao persoal que traballa tanto neste centro como na Axencia de Lectura da Gándara e a Ludoteca da Solaina por facer posible, entre todos, que nada menos que 11.044 persoas teñan como referencia esta Biblioteca”, recalcou Ferreiro.
A rexedora local destacou o importante incremento de fondos e servizos do centro no último ano e agradeceu a implicación das persoas que acuden ás actividades programadas ao longo do ano nos citados centros.
A Biblioteca municipal comezou a funcionar no ano 1986 no actual edificio da Casa da Cultura, nas inmediacións da estrada de Castela, e no ano 2003 inauguráronse as actuais instalacións, localizadas na rúa 25 de Xullo. O centro conta, entre outros, con servizos de lectura en sala, préstamo a domicilio e hemeroteca.