TEGA presenta unha moción instando reforzar o persoal do centro de saúde de Narón

O voceiro de Terra Galega, Román Romero, presentou no Rexistro municipal do Concello de Narón unha moción a presentar no pleno de finais de mes para instar ao Servizo Galego de Saúde a reforzar o persoal do novo centro de saúde da cidade. Dende Terra Galega denúnciase a falta de persoal, especialmente no servizo administrativo, e os graves problemas que ocasiona a diario aos pacientes.

No documento úrxese o incremento do plantel sanitario do centro, especialmente na área dos servizos administrativos, unha demanda que se trasladará tamén á xerencia da Área Sanitaria de Ferrol e á Consellería de Sanidade.

Na moción de TEGA denúnciase o “deterioro cada vez máis evidente de atención que reciben os pacientes do centro de saúde de Narón”, un problema derivado da falta de persoal “e que se agrava aínda máis no que respecta ao persoal dos servizos administrativos, que soporta a diario unha carga de traballo que fai que estean desbordados e que os pacientes teñan que facer longas colas para ser atendidos no mostrador”.

Así mesmo, dende Terra Galega laméntase o feito de que o pasado 1 de xaneiro o Sergas procedese a retirar ao persoal de reforzo que quedaba da época da pandemia, calificando a situación actual de “desesperante”.

A formación insta á Consellería de Sanidade a incrementar a plantilla asignada actualmente ao centro de saúde de Narón para solventar o problema, que unicamente se trata de paliar, sen éxito, co envío provisional dalgunha persoa de reforzo en períodos breves.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …