O nacemento do templo parroquial de Pontedeume

José Fonte Sardiña

Cando se achegan as festas de Nadal hai dúas cousas que nunca deixo de facer, reler a máxica novela “Al Rey de los Ángeles” de Ramón Loureiro, en cuxa portada se pode ver a marabillosa ilustración de Antonio Seijas, con Melchor, Gaspar e Baltasar, en camiño ―os primeiros peregrinos da era cristiá―, nos seus camelos, e poñer o modesto nacemento do meu fogar. Así tamén “eu mesmo sinto, por dentro e por fóra, que me fago cada vez máis pequeno, ata ser de novo outro neno máis, un neno cuxos ollos son quen agora de seguir aos Reis Magos […], como se aínda estivese ao seu carón, na súa viaxe cara ao Portal de Belén, por camiños de serraduras e de area, entre montañas de musgo, pedra e madeira, ríos de cristal e papel de prata, e casas con paredes de cortiza con tellados de cartón vermello acanalado […]. Grazas a Deus, estou outra vez entre os meus, a carón dos que me deron o seu sangue, velando o seu sono e adorando ―tamén eu me axeonllo, como fan as Súas Maxestades de Oriente― ao Rei dos Anxos” (tomado e traducido de Ramón Loureiro: “Al Rey de los Ángeles”, A Coruña, 2018, p. 164).

A miña memoria voa a aqueles marabillosos tempos da nenez en Pontedeume. O primeiro sábado despois da Inmaculada Concepción, os meus irmáns e mais eu, guiados polo noso pai, Pepe Fonte, subiamos ao sacrosanto monte de Breamo, seguindo a primeira parte do percorrido que faciamos os dous días da romaría de San Miguel, para apañar, un chisco máis arriba das escaleiras do Monumento, pretiño de Vista Alegre, un pouco de musgo ―hoxe todos sabemos que non se pode coller, aínda que, polo visto, había xa unha lei de 1962, xuro por san Miguel e os deuses prerromanos que alí se veneraron que totalmente descoñecida por nós, que o prohibía― que, coas serraduras que nos proporcionaban na carpintería dos Canosa, servise de base ao modesto nacemento que montabamos na casa (Breamo desde o castelo de Andrade).

Pola tarde baixabamos do faiado as figuras da Virxe, san Xosé, o Neno Xesús, o anxo, a mula e o boi, os Reis Magos nos tres camelos cos seus paxes, os pastores e lavandeiras, Herodes e o seu soldado e algúns animaliños, e os catro bloques de cortiza para facer o portal, a estrela, o castelo de Herodes, a pequena ponte, un muíño e algunha casiña, e toda a familia colocaba con entusiasmo o modesto nacemento ―comparado co grandioso que poñían na igrexa parroquial―, revestido coas faldras da bandeira de España, no curruncho máis relevante do humilde fogar (Foto de José Luis Gómez Fuentes do nacemento instalado no templo parroquial de Santiago de Pontedeume).

Tamén para nós, como nos conta Ramiro Fonte, “a tarde en que faciamos o nacemento era unha festa […]. Alleas ás íntimas traxedias da nosa vila, as casiñas de cortiza do meu nacemento conformaban unha aldea feliz […]. Abofé que aquel mundo estaba ben feito […].  Disque os grandes novelistas se comportan cos seus personaxes coma se fosen deuses. Unha vez creados, os personaxes cobran vida propia e botan a andar polos camiños. No futuro, se cadra a min me sería concedido o don de poder mover, no territorio do tempo, os personaxes do Pontedeume da miña infancia […]. Acaso sería quen de situalos nun escenario temporal coa mesma tenrura que o neno empregaba para situar as figuras do nacemento” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 90-94) (Foto de Chus Fonte das figuras do nacemento familiar coas que xogaba de neno o seu irmán Ramiro).

Figuras so Nacemento coas que xogaba de neno Ramiro Fonte

Coma el, os meus irmáns e mais eu, e anos despois os meus fillos e sobriños, caemos natentación de sermos creadores de historias con personaxes representados polas figuriñas do nacemento que se movían por un escenario que nos parecía moi real e que máis ca aquel Belén do primeiro ano da era cristiá reproducía o noso Pontedeume, cheo do verdor do musgo, cun castelo que era unha humilde réplica do grandioso de Andrade que mandara facer o Bo na pena Leboreira no século XIV; os outeiros lembraban o monte de Breamo e as parroquias de Andrade e Vilar; as ribeiras do curso do río de papel de prata, as fragas e as parroquias de Ombre e Nogueirosa e da veciña Cabanas; a
ponte, a desembocadura do pai Eume na vila; e as pequenas casiñas, as parroquia costeiras de Centroña e Boebre, que traen, mesmo na toponimia, lembranzas dos tempos castrexos e prerromanos, anteriores á natividade do Neno Xesús (Foto de Chus Fonte).

Ben sei que na nosa provincia hai nacementos con moita sona coma o da Orde Terceira en Ferrol ―este ano celebramos o oitavo centenario do primeiro belén vivente da historia, promovido por san Francisco na vila italiana de Greccio en 1223, xermolo dos actuais nacementos―, o da Grande Obra de Atocha na Coruña, ou en Santiago os de Conxo, San Fiz de Solovio e o napolitano da Catedral compostelá que este ano se expón na igrexa de Santo Agostiño. Así e todo, a min o que máis me gusta de todos é o da igrexa parroquial de Pontedeume (Nacemento da igrexa parroquial de Pontedeume e boa parte das persoas que o fixeron posible).

Alí, Belén é unha reprodución case exacta da nosa vila. O humilde portal onde naceu o Neno Xesús e que o acolleu a el e mais aos seus pais María e Xosé, quentados polo doce alento da mula e o boi ―os habitantes cotiáns daquela corte―, é a nave do Evanxeo da maqueta da igrexa parroquial (Foto de José Luis Gómez Fuentes).

O río Eume, coa reprodución, no alto das Fragas, do mosteiro de San Xoán de Caaveiro, baixa cantareiro ―ao son das panxoliñas― cara á vila que lle “roubou” o seu nome engadindo o da ponte na que desemboca, e o monte de Breamo, en cuxo cumio chantaron en 1187 a capela na honra de San Miguel ―conta a lenda que na Noiteboa daquel ano se lles apareceu o Neno Xesús aos cabaleiros templarios que a custodiaban (José Fonte Sardiña: “Lendas das Terras do Eume”, Santiago de Compostela, 2021, p. 52-54)―, magnificamente representada, marca o camiño ata a ribeira desde o antigo castro que os vellos ártabros habitaran antes da chegada da nave trirreme e da romanización da nosa terra. Ao meu ver, as dúas romarías a San Miguel de Breamo ―o 8 de maio e o 29 de setembro― e a xira pagá ao río Eume ―o 11 de setembro― que os eumeses celebramos cada ano son un indicio de que estes dous emblemáticos elementos da natureza eran considerados sagrados polos nosos devanceiros (Foto de José Luis Gómez Fuentes).

A maqueta do castelo da Pena Leboreira de Nogueirosa simboliza, no outeiro do monte, o poder da Casa dos Andrade nestas terras, desde que o rei Henrique II o das Mercedes ou o Fratricida (1369-1379), o 19 de decembro de 1371, lles concedeu o señorío da vila de Pontedeume, fundada ex novo polo rei Afonso X o Sabio (1252-1284) un século antes, o 30 de decembro de 1270. Os eumeses non podemos imaxinar outro lugar para colocar o castelo de Herodes que este (Foto de José Luis Gómez Fuentes).

O poder da Casa dos Andrade na nosa vila está representado pola maqueta do Torreón, que era a torre da homenaxe e o único elemento arquitectónico que se conserva do antigo palacio familiar ―derruído nos anos trinta do século XX― que tiñan en Pontedeume, na que hoxe se chama praza do Conde (Foto de José Luis Gómez Fuentes).

As maquetas do Mercado, que os eumeses chamamos A Praza, cuxo proxecto foi realizado polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez, entre 1935 e 1942, e rematado por Ramón Tenreiro Brochón, en 1984 (Carlos de Castro Álvarez e Adela García: “Pontedeume, Cabanas y comarca”, Pontedeume, 2012, p. 46), e da fonte do Pilón, labrada, en 1788, polo mestre de cantaría Andrés Monteagudo para substituír a de 1671 (Idem, p. 51), son dúas construcións arquitectónicas moi emblemáticas e representativas  de Pontedeume, situadas na praza do Conde, que simbolizan a actividade cotiá do seu pobo (Foto de José Luis Gómez Fuentes).

A maqueta da fonte do Pilón foi realizada por Carlos Ferreiro e Eva Estrada, e as da igrexa parroquial de Pontedeume, o mosteiro de San Xoán de Caaveiro, a capela de San Miguel de Breamo, o castelo de Andrade, o Torreón e o Mercado son obra de José Manuel Gutiérrez “Guti”, cuxa vea artística herdou o seu fillo máis novo David Gutiérrez Curbeira, ben que no eido da música (Montaxe do nacemento de Pontedeume, con “Guti”, o autor de case todas as maquetas, e o párroco don Benjamín).

Todas as maquetas, marabillosamente executadas, representan moi polo miúdo e con gran detalle estes emblemáticos edificios da nosa vila e fan posible que a Terra Santa de Belén, que acolleu o nacemento do Neno Xesús, sexa un Pontedeume en miniatura.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …