O Concello de As Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, pon en marcha a oitava edición da iniciativa “O Reto Lector” destinada a fomentar a lectura entre os usuarios da Biblioteca Municipal e entre toda a veciñanza interesada no mundo da literatura.
«Trátase dunha iniciativa que tivo moi boa acollida desde a súa posta en marcha. Durante o ano 2023 foron 45 as persoas adultas e 98 as crianzas de As Pontes que participaron no reto lector, feito que nos permitiu, asi mesmo, incrementar o número de socios e socias, aumentar a participación nas propostas dos “Xoves na Biblio”, movéronse libros que non tiñan moitos préstamos e naceron novos lectores e lectoras na nosa vila» apunta Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.
Os veciños que desexen unirse a esta iniciativa, deberán ler, no caso do público infantil, 12 títulos mentres que o público adulto (a partir dos 14 anos) deberán ler 12 libros do catálogo de fondos bibliográficos da Biblioteca Municipal.
Co obxectivo de facilitar a elección dos títulos, establecéronse varias categorías temáticas que permitirán aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes. As categorías elixidas, no caso do público infantil, son un libro de novidades, un libro favorito,un libro que fose premio Merlín ou Compostela, un libro de poesía e un libro que pertenza a unha colección.
Asemade terán que ler un libro sobre a escola, un libro de medo, un libro sobre familias diversas, un cómic, un libro que teña un animal como protagonista, un libro de ciencia así como un libro de misterio.
O público adulto terán que elixir 12 títulos , entre eles un cómic, un libro de relatos, un libro de autoras feministas, un libro levado ao cine, un libro dun autor ou autora gañadora do premio de literatura Repsol e un título de literatura africana.
Tamén terán que ler un título de literatura da comarca, un libro sobre ciencia e outro sobre literatura así como un título que forma premio San Clemente de novela, un libro sobre outras linguas da Península Ibérica e un título pertencente á literatura francesa. Co obxectivo de axudar a elixir un título para cada unha das propostas suxeridas, desde a Biblioteca Municipal realizarase unha selección de títulos que estarán a disposición dos lectores e lectoras nos andeis dedicadas ao reto lector.
Os lectores que logren completar o reto, ao finalizar o ano, recibirán un recoñecemento ao seu compromiso coa lectura.