Se convoca en Ferrol o XXIV Certame de creación artística, poesía e imaxe en galego

A concelleira de Normalización Lingüística, Patricia Cons, vén de anunciar a convocatoria do XXIV Certame de creación artística poesía e imaxe en galego organizado por esta área en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra.

O Concello de Ferrol ten entre as súas prioridades a realización de actividades de dinamización lingüística axustadas ao recollido no Plan de normalización lingüística, dirixidas especialmente ao sector da mocidade e o ensino, co obxectivo de potenciar un maior uso do galego entre os mozos, a través da creación de novos ámbitos de uso do galego.

Unha delas é este certame no que o alumnado elabora manifestacións artísticas visuais ou audiovisuais que reflictan diversos textos líricos da literatura universal, afirmou a concelleira.

O certame está dirixido a todos os niveis do ensino non universitario: Educación Infantil, 1º,2º e 3º de Educación Primaria, 4º,5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos formativos.

As persoas participantes deberán presentar unha composición plástica ou audiovisual orixinal en calquera destas modalidades: Modalidade A, debuxo, pintura, colaxe e fotografía ou Modalidade B, audiovisual. Calquera texto (frase, lema…) que forme parte da imaxe presentada para participar debe estar redactado en lingua galega.

Dita información xa foi trasladada aos centros educativos, así como os textos seleccionados pola Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, selección na que figura Luisa Villalta a quen se lle dedican as Letras Galegas do ano 2024.

Cada centro educativo deberá enviar os traballos dos alumnos presentados e seleccionados no centro, como tope ata o 1 de marzo, ao correo electrónico:  ferrolterracequipnormalizacion@gmail.com 

Coas obras seleccionadas o Concello de Ferrol e a CENL realizarán unha mostra.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …