O programa Apego ofrecerá entre este mes e o vindeiro marzo un total de seis espectáculos dirixidos a público familiar e infantil.
A concelleira de Política Lingüística do Concello de Narón, María Lorenzo, avanzou que se levarán a cabo no centro cívico social de San Xiao, en todos os casos, a partir das 17:30 horas, e informou que as persoas interesadas en asistir, poden xa anotarse.
A primeira das propostas será o 17 deste mes, “Provocacións de inverno”, de Melissa Cimas e tamén este mes se poderá ver “Xela, a superheroína de aldea”, de Inma Soto.
En febreiro haberá tamén dúas propostas, o día 7 “Os tres porquiños”, de Migallas Teatro, e na xornada do 21 “Arrolar”, de Fundación Legar.
Finalmente, en marzo o día 13 poderase ver “O peirao”, de Diáspora Teatro e o 20 “Casa, casiña, casona”, de Marta Ortiz.
A información ao completo de cada un dos espectáculos pode consultarse a través da web: www.naronengalego.gal, no apartado de actividades.
A edil naronesa recordou que este programa, impulsado a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón, ten entre os seus obxectivos arroupar a crianza en galego, mellorar a socialización en lingua galega das crianzas e crear redes e comunidade que apoien e sosteñan o uso da lingua nun contexto familiar, lúdico e interactivo.
Contos, música, teatro, maxia, humor… formarán parte destas propostas dirixidas ás familias de Narón. Para inscribirse nestas propostas, de balde, é preciso enviar un correo electrónico ao mail a.pita@naron.gal indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno, pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
A participación, está limitada a un máximo de 25 nenos por xornada, que deberán ir acompañados de como mínimo unha persoa adulta e será por estrita orde de inscrición.