O programa de Nadal de Cedeira tivo excelente acollida

O goberno municipal de Cedeira está agradecido e satisfeito polo desenvolvemento e a boa acollida que tivo o programa de festas de Nadal, cunha chea de actividades que rexistraron moita afluencia tanto da veciñanza como de persoas da contorna.

Un ano máis, a aposta por facer do Polideportivo Municipal un espazo de xogos foi un rotundo éxito.

Segundo explicou Noel López, concelleiro de Xuventude, o Polideportivo Municipal recibiu unha alta afluencia todos os días que funcionou e converteuse en lugar de reunión das familias. A programación preveu actividades para diferentes idades, desde as crianzas ata a rapazada, e foi adaptándose ás preferencias da xente.

De feito, repetíronse propostas que tiveron unha acollida excepcional, como foi o caso do túnel de realidade virtual. Tiveron tamén unha boa afluencia as dúas festas acuáticas que se programaron na piscina municipal con xogos inchables, en dúas tardes reservadas para nenos de menos de dez anos e maiores.

Contou cun excelente nivel de afluencia a verbena de Aninovo, na carpa instalada na praza Roxa, pese a que o evento competía con outras festas privadas organizadas na localidade, e cómpre destacar o cheo absoluto da festa de Reis organizada no mesmo lugar, que concitou a presenza tanto de persoas de Cedeira como doutras chegadas de municipios da contorna.

Destacou tamén Noel López o éxito da cabalgata de Reis, cuxo percorrido esperou e aplaudiu o público pese a choiva intermitente. Moita afluencia tivo a continuación o Auditorio, onde os nenos puideron sentar no colo de Melchor, Gaspar ou Baltasar para contarlles os seus desexos e entregarlles as súas cartas, e tamén a festa posterior que se desenvolveu nas instalacións do CEIP Nicolás do Río.

A xente ateigou o colexio e compartiu nun excelente ambiente a merendola a base de chocolate, roscón e bola que, como xa é tradición en Cedeira, precede á noite máis máxica do ano.

Por último, celebrou o edil a moita participación e o bo ambiente co que se desenvolveu a carreira popular do día 31 e que por fin puido celebrarse, despois de varios anos nos que a pandemia ou a adversa meteoroloxía obrigara a suspendela.

O Centro de Ocio Xuvenil organizou dúas actividades de Nadal que esperaron grande interese entre os usuarios. O 22 de decembro celebrouse un obradoiro de comidas de Nadal no que mozos se puxeron mans á obra e compartiron a súa creatividade empregando chuches, froita e chocolate.

Tivo tamén a rapazada de Cedeira a súa particular despedida de ano na tarde do 29, cando o horario do centro alongouse para chegar ata as once da noite.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …