A corta da Penamoura redescobre as vistas do «skyline» de San Sadurniño

Quen emprega habitualmente a pista da Penamoura para achegarse até San Sadurniño notou nas últimas semanas moita actividade a unha e outra banda da vía, debido aos traballos de corta de boa parte do inmenso eucaliptal que cobre a aba sur do val de San Sadurniño.

Porén, ademais de ver tractores, camións, procesadoras e autocargadores, quen pase por alí tamén descubriu, máis ben redescubriu, unha panorámica do núcleo municipal inédita desde hai case vinte anos, o tempo en que permaneceu oculta tralo muro de eucaliptos.

As vistas desde a zona máis alta permiten observar cunha única ollada a Bidueda, o Casal, onde se encontra a Casa do Concello, toda a avenida Marqués de Figueroa, o Outeiro, os Corrás e incluso Silvalonga.

Unha foto nocturna tomada desde ese punto da Penamoura protagonizou este ano a felicitación de Aninovo publicada no Facebook do Concello de San Sadurniño. 

Hai case 70 anos, o goberno franquista chegou a un acordo co dos Estados Unidos para levar a cabo un ambicioso proxecto de fotografía cartográfica de toda España. Resultado desa colaboración, entre 1956 e 1957, avións do exército estadounidense sobrevoaron a práctica totalidade do territorio retratando desde o aire e con grande detalle núcleos de poboación, montañas, vales, ríos, montes e labradíos.

Se comparamos aquel avó de Google Maps, coñecido como «o voo americano», coas imaxes satelitais da actualidade, veremos ben ás claras canto mudou a paisaxe en pouco máis de medio século. Un cambio caracterizado polo progresivo abandono das terras agrarias que foron ocupadas en moitos casos por plantacións forestais, sobre todo do omnipresente eucalipto.

A transformación acelerouse nas últimas tres décadas pola suba do prezo da madeira e pola rapidez das quendas de corta dos eucaliptais, que permiten obter rendas cada 15 ou 20 anos, e incluso antes- sen demasiadas preocupacións, agás a do lume.

Boa parte dos montes de San Sadurniño son pezas engarzadas nun monocultivo practicamente ininterrompido que abrangue toda a faixa norte de Galicia, desde Ferrol até a Mariña de Lugo, que non só uniformiza a paisaxe e trastorna os ecosistemas, senón que tamén fai de cortina impenetrable que impide recrearse nas vistas.

Porén, cada certo tempo, por causa das cortas, ábrense fiestras  a través das que poder mirar ao lonxe, polo menos durante o intervalo que tarden en medrar de novo os eucaliptos. Iso é o que ocorre neste momento a raíz da talla dunhas 50 hectáreas de monte entre a Penamoura e a Bidueda, en Naraío.

As máquinas levan varias semanas traballando na corta e extracción da madeira plantada hai dúas décadas, dentro da que foi unha das primeiras Unidades de Xestión Forestal (UXFOR) promovidas pola Xunta de Galicia.

Actualmente cos labores a piques de rematar, desde a pista da Penamoura é posible ver todo o núcleo urbano de San Sadurniño, coas naves industriais da Bidueda en primeiro plano seguidas algo máis ao lonxe dos xardíns municipais, a Casa do Concello, o Centro Municipal de Empresas e toda a zona do Casal, Marqués de Figueroa e o Outeiro, ademais das dúas Agras, os Corrás e mesmo Silvalonga.

A panorámica, captada cunha fotografía nocturna,  protagonizou este ano a felicitación de Aninovo nas redes sociais do Concello de San Sadurniño.

 

Lea también

Una conductora accidentada al colisionar dos vehículos en Franza, Mugardos

Sobre las nueve y media de la mañana de este jueves, día 21, se registró …