Narón aproba a constitución da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero

O Concello de Narón acolleu dende as 9:00 horas, o último pleno ordinario deste ano. Durante a sesión aprobouse por unanimidade a constitución da Mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá este órgano, do que tamén formarán parte a edil de Igualdade, persoal do Centro de Información ás Mulleres (cando se cree), dos servizos sociais municipais, da policía local, doutras forzas e corpos de seguridade (Garda Civil, Policía Nacional e autonómica), dos centros educativos e sanitarios, da Subdelegación do Goberno en Galicia, da Xunta e do Colexio de Avogados de Ferrol.

Así mesmo, aprobouse inicialmente o proxecto de expropiación de terreos para a conexión viaria exterior CE-1, no sector IV do polígono de Río do Pozo. En concreto, o Consistorio adquirirá unha parcela dunha superficie algo superior a 40.300 metros cadrados por un importe que ronda os 107.000 euros. O proxecto de expropiación permanecerá agora durante un mes a exposición pública.

No pleno tamén saíu adiante un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 52.000 euros para o pago de facturas, na súa práctica totalidade, correspondentes ao subministro eléctrico e de exercicios anteriores que a empresa presenta tarde e que segue o proceso de comprobación da Faepac para a súa revisión.

No apartado de mocións, o BNG presentou dúas, unha de apoio ao pobo palestino e de esixencia do fin do xenocidio a mans do goberno israelí, esixindo, entre outras medidas, o embargo de armas e a rutura das relacións diplomáticas con Israel, a apertura de corredores humanitarios e o alto ao fogo permanente en Gaza e Cisxordania, así como dos ataques a Siria e o Líbano e ao goberno central e autonómico o envío urxente de material humanitario a Gaza.

A segunda, presentada fóra da orde do día, para apoiar o comercio de proximidade e fomentar a compra de produtos galegos. A primeira aprobouse cos votos dos edís de BNG e TEGA e a segunda por unanimidade.

Terra Galega presentou tamén unha moción que se aprobou por unanimidade, sobre a dignificación dos profesionais da abogacía e a procura en relación coa quenda de oficio, dereitos laborais básicos e xubilacións, instando ao Goberno de España a promover as modificacións necesarias para garantir unhas remuneracións dignas polo seu traballo, entre outros acordos.

Das mocións presentadas polo PP aprobouse por unanimidade a presentada sobre a seguridade dos pasos de peóns na cidade, para continuar avanzando nesta liña de traballo, iniciada hai varios anos e que levou a mellorar a iluminación e sinalización dalgúns dos localizados nos puntos máis transitados da cidade.

O PSOE presentou unha moción instando á Xunta a destinar un investimento á ampliación e mellora dos centros educativos de Narón para o vindeiro ano, aprobada co respaldo dos edís do BNG e de TEGA e tras solicitar esta última formación a retirada do punto no que se instaba ao Concello a adoptar medidas legais e orzamentarias para realizar obras de urxencia, ao tratarse dunha competencia da administración autonómica.

Así mesmo, aprobouse por unanimidade outra moción dos socialistas para elaborar un Plan da Infancia e un Consello Local de infancia e adolescencia en Narón, complementando ao traballo que se fai nesa liña, como a celebración dos Consellos de Participación Infantil, a adhesión ao proxecto “Ciudad de los niños”, impulsada por Francesco Tonucci no ano 1991, etc.

Lea también

Un hombre herido al ser atropellado en un paso de peatones en la carretera de Castilla, en Narón

Un hombre resultó herido sobre las 8,30 horas de este miércoles al ser atropellado en …