A Xunta de Galicia puxo en marcha recentemente a Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) coa finalidade de promover estilos de vida saudables entre a sociedade.
A REGAPS pretende funcionar en coordinación cos concellos, de cara a que todos os factores que incidan na mellora da saúde formen parte das políticas municipais, ademais de ir creando un mapa de recursos que non só inclúa servizos sociosanitarios, senón tamén espazos e actividades relacionadas cos hábitos preventivos da obesidade e outras doenzas.
Neste sentido, San Sadurniño acaba de asinar a súa adhesión á rede comprometéndose a reforzar os contidos sobre saúde nas programacións de envellecemento activo, deportes e cultura, así como nas que teñen que ver coa produción alimentaria de proximidade.
A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) é unha organización dependente da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, creada a raíz do Plan Obesidade Zero en Galicia, co fin de potenciar todas aquelas estratexias locais que melloren a saúde da poboación.
Os obxectivos da rede céntranse en promover estilos de vida saudables, levar a cabo un traballo coordinado de todas as institucións implicadas no desenvolvemento integral da saúde no ámbito local, analizar a situación de cada territorio para optimizar os recursos existentes e implementar outros novos, elaborar un mapa de recursos e actividades comunitarias a través da plataforma Atopa saúde, potenciar a promoción da saúde no ámbito sanitario, desenvolver as liñas estratéxicas do Plan Obesidade Zero en Galicia, crear un sistema de vixilancia de estilos de vida en colaboración coa Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago e, por último, capacitar ás entidades e axentes sociais para que se convertan en activistas da promoción da saúde.
Sumarse á rede terá para o Concello varias vantaxes: a obtención dun informe da situación e un mapa de recursos relacionados coa saúde no municipio, recibir propostas de mellora e a posibilidade de desenvolver novos programas e actividades neste ámbito, facilitar a adhesión a outras redes co fin de obter financiamento para levar a cabo accións que promovan contornos saudables, garantir a difusión de actividades e intervencións comunitarias e recibir formación, asesoramento e apoio técnico mediante cursos e xornadas.
A participación de San Sadurniño na Rede Galega de Promoción da Saúde «ofrécenos a oportunidade de obter asesoramento sobre como orientar as nosas políticas para incorporar nelas a perspectiva dos hábitos saudables», explica Manolo Varela.
O responsable de Desenvolvemento local engade, ademais, que a integración na rede «pode ser de grande axuda para reforzar ese apartado en actividades que xa se están levando a cabo, como por exemplo nos obradoiros de memoria activa, o servizo que se ofrece desde o ximnasio municipal ou o inicio dunha nova liña centrada na alimentación saudable baseada nos produtos de proximidade, que encaixaría perfectamente nas actividades da Fusquenlla».
Porén, para Varela tamén «é moi importante» que ademais de promover iniciativas deste tipo, «a Xunta de Galicia tamén se ocupe de reforzar a atención primaria, francamente precarizada nos últimos anos, e de facilitarlles aos concellos recursos económicos suficientes para soster servizos tan básicos e prioritarios como o SAF».