13 nenos participan en Moeche no Campamento Deportivo de Nadal

O pavillón municipal de Moeche é durante esta semana un rebumbio constante. Fútbol sala, tiro con arco, xogos cooperativos, escalada e outras actividades encherán até o venres as mañás das 13 nenos inscritos no Campamento Deportivo de Nadal, unha proposta a medio camiño entre o lecer infantil e a conciliación familiar organizada polo Concello.

Ademais de brincar en todo o que organiza Daniel Feijoo, técnico de Deportes, a cativería tamén recibe algunha que outra visita de clubes e deportistas para coñecer distintas disciplinas, como ocorreu hoxe co Cedeira Basket Club. 

A xornada no pavillón municipal comeza ás 10:00h e prolóngase até as 14:00h. Catro horas moi intensas nas que os nenos, todas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, teñen abondo que facer, descansando entre xogo e xogo e parando a media mañá para tomar a merenda.

As opcións que prepara diariamente o monitor son moi variadas, combinando deportes habituais nas axendas da cativería con outros menos coñecidos que os pequenos descobren gracias ao campamento municipal. Algúns deles son o tiro con arco, o bádminton ou a escalada nun pequeno rocódromo instalado este mesmo ano polo Concello. 

 

Contidos lúdicos que se reforzan coa visita de deportistas e clubes que, en resume, lles trasladan que non todo é fútbol e que existen outras alternativas coma a sesión co Basket Club Cedeira, con quen aprenderon algúns movementos e regras básicas do baloncesto.

O obxectivo principal deste Nadal Deportivo é traballar  durante as vacacións a psicomotricidade, a coodinación e a concentración, ademais de aprender outros hábitos saudables relacionados co exercicio diario e unha boa alimentación, sen contar con que as pequenas e pequenos tamén interiorizan valores como o da igualdade, a empatía e a cooperación.

Os Reis veñen o mércores

O campamento deportivo forma parte da programación de Nadal do Concello de Moeche. Un calendario que finalizará o próximo mércores 3 coa visita dos Reis Magos de Oriente. Baltasar, Gaspar e Melchor chegarán a Moeche moito antes que a outras partes da comarca, ofrecéndolles ós nenos a oportunidade de falar con eles sen apuros nin aglomeracións e incluso a de poder entregarlles a carta en man, con garantías de que os Magos teñan marxe de tempo suficiente para conseguir os agasallos antes da madrugada do 5 ao 6 de xaneiro.

A festa de benvida aos Reis terá lugar na nave do Mercado a partir das 17:30h. As familias atoparán alí inchables, camas elásticas, música, obradoiros e xogos para a xente miúda, ademais de chocolate con churros recén feitos.

Lea también

Avanzan las obras de remodelación de las pistas de fútbol de Caranza para crear un nuevo campo de fútbol 11

Las obras de remodelación de las actuales pistas de fútbol 8 del parque deportivo de …