O polideportivo de Cedeira transfórmase en campo de xogos durante o Nadal

O polideportivo municipal de Cedeira transformarase de novo este Nadal no centro neurálxico do ocio e o lecer de veciñanza e visitantes, cunha chea de actividades e atraccións baixo cuberto e de balde para toda a familia.

Esta proposta funcionará todas as tardes, agás os festivos, de 16.30 a 20.30h, con obradoiros e inchables e con outras propostas que irán variando.

A estrea do parque de xogos do Polideportivo será na tarde deste venres 22, de 16.30 a 20.30h, e excepcionalmente ao día seguinte, sábado 23 funcionará tamén en horario de mañá, de 11.30 a 14.00h.

Xunto cos obradoiros e os inchables que estarán en funcionamento permanentemente e que serán atendidos por monitores e monitoras, nestas dúas xornadas instalarase un deslizador “Tubby Stream”, con dous esvaradoiros para pequenos e maiores.

O parque de xogos do Polideportivo contará nas tardes do 26 e o 27 cun tren eléctrico coa súa locomotora e vagóns nos que poderán subirse os nenos.

Para os máis intrépidos haberá un toro mecánico na tarde do 26 e un simulador de táboa de surf na do 27. Ao día seguinte, o xoves 28, abrirá as súas portas no pavillón un espazo de realidade virtual e “interactive wall”. O venres e o sábado, días 29 e 30 de decembro, chegará a quenda dos Battle Nerf Arena e a Barredora Wipeout.

Xa na estrea do ano 2024, os días 2 e 3 estará instalada no exterior do Polideportivo a atracción Tirachinas Jumping. O día 4 será o último no que funcionará o parque de xogos no pavillón e está previsto, para ese día, un circuíto de cars a pedais e outro de coches por radiocontrol. Desde o goberno municipal adiantan que esta programación podería variar, pero que se irá informando puntualmente a través da canle Cedeira Informa.

Xunto a todas estas propostas que se van desenvolver no Polideportivo, o goberno local promove dúas festas acuáticas xuvenís na piscina municipal. Serán os días 27 e 29 pola tarde, tamén de 16.30 a 20.30 e abertas a rapaces a partir de 10 anos.

Para a noite de Fin de Ano o Concello ten organizada unha verbena na praza Roxa. Instalarase unha carpa e un escenario no que actuará a orquestra Origen a partir da unha da madrugada.

Despois de que o pasado ano esta festa fora suspendida polo temporal e trasladada ao día 6, decidiuse desta volta programar dúas festas en ambas as dúas datas. Así, na noite do 6, a partir das
23.30h, haberá unha verbena de Reis na mesma praza Roxa que estará amenizada pola orquestra Olympus 

O programa de Nadal de Cedeira complétase coas cabalgatas de Papá Noel e dos Reis Magos, que o Concello organiza con Protección Civil. A primeira será o sábado día 23 e percorrerá as rúas máis céntricas da vila para rematar cunha festa na praza Roxa.

Os tres magos chegarán o 5 de xaneiro e, tamén como adoita suceder, farán un itinerario polas rúas e despois irán ao Auditorio para recibir as cartas dos nenos.

Esta emocionante tarde rematará cunha festa nas instalacións do CEIP Nicolás do Río, con chocolate e roscón.

Lea también

Endesa inicia el desmantelamiento del Parque de Carbones de As Pontes, icono de la industria gallega

La Plataforma en Defensa del Patrimonio Industrial reclama la suspensión cautelar de las obras y …