O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, recibiron este xoves no Concello á comitiva formada por trece persoas que, procedentes de Turquía, se desprazaron a Narón para coñecer o traballo que se realiza na cidade en materia de Educación Viaria e tamén o labor que se leva a cabo cada día nos centros de ensino.
Os docentes, acompañados dun coordinador, chegaron o pasado luns a Narón e regresarán de novo a Turquía o sábado día 16; E xa a vindeira semana chegará outro grupo, tamén procedente de Turquía, de cinco docentes, coa mesma finalidade. “Esta semana centrámonos no traballo que se realiza nos colexios con alumnado de educación Infantil e Primaria e a vindeira semana farémolo co de educación especial”, explicou Oreona.
Sirma Nur Özçelik, Cemile Utku, Sezen Gencer, Zeki Gün, Adem Tatoglu, Fatih Akay, Mehmet Yildirim, Fettah Olukcu, Celaleddin Cingöz, Hatice Kaya, Hatice Koçtas e Feruce Erol Cantürk, directores/as, vicedirectores/as, docentes de Infantil e Primaria e Fatih Atik, coordinador, estiveron esta semana nos colexios Ponte de Xuvia, A Solaina, Ayala e Piñeiros e hoxe foi o turno do centro Virxe do Mar.
Unha saída en bici, un obradoiro de decoración de patinetes e cascos, entrevistas en radios escolares, unha sesión do obradoiro de metrominuto e outro de primeiros auxilios centraron parte da programación desenvolvida ao longo desta semana. Acompañados polos responsables do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, o persoal docente turco comprobou en primeira persoa parte do traballo que se realiza ao longo do ano coa comunidade educativa, amosando un gran interese por cada unha das actividades e interesándose ante a posible implantación das mesmas nos seus respectivos centros.
A vindeira semana chegarán os outros cinco docentes, que visitarán entre o luns e o xoves –o venres regresarán a Turquía- os colexios Ponte de Xuvia, A Gándara e A Solaina, o centro da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, e o centro de ensino especial Terra de Ferrol. Durante a súa estadía na cidade participarán nunha saída en patinetes e bicicletas, nun obradoiro de decoración de patinetes e cascos, nun obradoiro co Basketmi… entre outras propostas.
A edil de Ensino, Olga Ameneiro, destacou o traballo realizado nas aulas nesta área e “que todo o esforzo realizado dende hai moitos anos sitúe hoxe a Narón como un referente na área da Educación Viaria e poidamos amosar o traballo realizado conxuntamente cos centros e a comunidade educativa e tamén os novos proxectos para que cheguen tamén a outros países”.
Oreona e Ameneiro recibiron á primeira comitiva de persoal docente de Turquía no Concello, onde lles deron a benvida á cidade e lles desexaron que puidesen implementar este tipo de accións nos centros de ensino turcos. No salón de plenos sacaron unha fotografía de recordo da visita e realizaron un intercambio de agasallos institucionais.