Pontedeume e Cabanas solicitan un paso peonil na ponte do ferrocarril sobre o Eume

Ponte de Ferro desde Cabanas

Os Concellos de Pontedeume e Cabanas solicitan conxuntamente á empresa pública ADIF, principal administradora de vías ferroviarias a nivel estatal, que habilite pasos peonís na ponte do ferrocarril sobre a ría do Eume, que conecta ambos municipios.

Esta petición prodúcese despois de que recentemente se levaran a cabo obras de mellora desta ponte que une os dous concellos. Unhas melloras “ben acollidas polos veciños dado o papel característico e especial que esa ponte ten na paisaxe”, explica o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández.

A ponte tamén é “un elemento esencial na vida social, económica e de transporte dos dous concellos”, sostén o alcalde de Cabanas, Fernando Couce, e isto súmase a que “a demanda de percorridos peonís e con medios de transporte sostibles é cada vez é maior”.

“Tradicionalmente, a comunicación peonil a través desta estrutura resultaba un medio habitual e frecuente, existindo como única alternativa para o mesmo a ponte de Pedra, tanto para os veciños como para os turistas”, sinala Fernández.

Pontedeume e Cabanas dispoñen conxuntamente “dun espazo único e privilexiado para o esparexemento, a práctica do deporte e de hábitos saudables nas súas dúas ribeiras”, incluíndo “os paseos marítimos de ambos, o porto, a praia e o piñeiral”, que constitúen en palabras dos alcaldes “unha aposta exclusiva que resulta imbatible”.

Estes feitos motivaron que, historicamente, a poboación de ambos os municipios usase a ponte do ferrocarril para cruzar entre ambos os municipios con gran asiduidade. Unha práctica que non cesou a pesar de non ser este un camiño habilitado para iso.

A isto hai que sumarlle que a única comunicación realmente habilitada para o seu uso peonil entre os dous concellos é a ponte de Pedra, que en breve tamén será obxecto de obras de rehabilitación.

Por estas razóns, dende os Concellos de Pontedeume e Cabanas consideran “esencial e de vital importancia restituír esta comunicación peonil hai anos perdida pola ponte do ferrocarril, potenciando así unha estrutura de elevado interese turístico e patrimonial e achegándoa ao peón, favorecendo a comunicación entre as dúas beiras de Eume”.

Lea también

Ares comeza co Nadal iluminando os mellores desexos da veciñanza

A concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao …