O Goberno de Narón continúa avanzando na tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Con esa finalidade acolleu hai uns días a reunión da Comisión de Seguemento, presidida polo edil Manuel Ramos e na que se presentou o documento de revisión do PXOM. Os grupos políticos da corporación local analizarán o citado documento, que se someterá a aprobación inicial na pertinente sesión plenaria, tal e como marcan os trámites que se seguen neste tipo de procedementos.
Ramos explicou que con este novo PXOM dende o Concello se perseguen varios obxectivos, entre eles, adaptarse á actual normativa en materia de planeamento urbanístico e tamén realizar un uso máis racional dos recursos e sostibilidade.
“O novo plan urbanístico permitirá ademais mellorar a conexión entre barrios e, ao mesmo tempo, ampliar os corredores verdes perimetrais con conexións con zonas verdes interiores”, apuntou o edil naronés.
O PXOM é un documento transversal, que se integra no Plan de mobilidade de Narón aprobado recentemente e no que se ten moi en conta a perspectiva de xénero, priorizando áreas como a conciliación da vida familiar e laboral, a mellora da calidade de vida, a seguridade, etc.
Outra das novidades do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Narón é a inclusión, segundo avanzou Ramos, de novas modalidades de vivenda, entre as que se incorporan as comunitarias, cohousing; as colectivas, as residenciais con actividade produtiva…
Nesta área, contémplase tamén o incremento dos núcleos rurais, pasando de 800 a 1.000 hectáreas e a creación de preto dun centenar de bolsas de solo urbano non consolidado que se poderían desenvolver con cargo a plans especiais de reforma interior impulsados polos promotores.
Así mesmo, o novo documento presta especial atención ao solo industrial, potenciando a súa oferta e tamén a do terciario a través dun total de sete bolsas de solo urbanizable a desenvolver a través de plans parciais.
En canto ás áreas dotacionais, destaca tamén no novo PXOM a creación dunha zona dotacional nas inmediacións do novo centro de saúde, na que se poderían instalar novos servizos sociosanitarios ou de carácter asistencial, segundo avanzou o concelleiro naronés.
“O novo plan xeral permitiranos dispoñer dun documento de ordenación urbanística que faga fronte ás actuais necesidades da nosa cidade, dándolles a resposta que precisan, e tamén permitirá afrontar eses retos marcados para o futuro de Narón, traballando sobre a innovación, o medio ambiente e a sostibilidade e en áreas como a vivenda ou o transporte”, apuntou Ramos.