Pontedeume pon en marcha a zona azul gratuíta

O Concello de Pontedeume pon en marcha a zona azul de aparcadoiro, que comezará a funcionar en periodo de proba este venres 15 de decembro, na praza do Conde e no aparcadoiro ao carón da antiga confraría de Pescadores.

A Policía Local supervisará o cumprimento do regulamento que rexe esta zona, establecendo un período de advertencia e información sen sanción dun mes (posteriormente comezarán a propoñerse para sanción as infraccións observadas).

Os horarios de funcionamento destas zonas (praza do Conde e Saavedra Meneses) serán as de luns a venres de 09.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas e os sábados de 09.30 a 14.00 horas, excepto no entorno da praza do Conde por celebración do feirón.

A zona azul, que será gratuíta, establece un tempo máximo de estacionamento de 90 minutos, despois do cal deberase retirar o vehículo.

Esta medida contémplase no Plan Especial de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) encargado polo Concello de Pontedeume e aprobado por unanimidade no pleno. Neste documento, e tras o estudo do tráfico e das necesidades de aparcadoiro, concluíuse que a dotación e posta en funcionamento da zona azul en determinados espazos triplicaría o número de prazas existentes.

Para facer uso deste estacionamento débese introducir a matrícula do vehículo na máquina expendedora correspondente (praza do Conde e Saavedra Meneses) e colocala nun lugar visible do parabrisas.

Durante o periodo de proba, realizarase un estudo das necesidades e dinámicas de estacionamento dos veciños da zona, de cara á reserva en determinados lugares de prazas para os residentes.

A zona azul ven a cumprir cunha longa demanda do comercio eumés, co fin de facilitar as compras e dinamizar as zonas de aparcadoiro da vila.

Lea también

Una conductora accidentada al colisionar dos vehículos en Franza, Mugardos

Sobre las nueve y media de la mañana de este jueves, día 21, se registró …