O podcast “Madriña” preséntase en Ferrol no centro cívico de Canido

O grupo de teatro “Merlín e Familia”, xurdido no seo da programación conxunta de radio Son Radiofusión, presenta este xoves 14 ás 19:30 no centro cívico de Canido o seu novo podcast “Madriña”, unha homenaxe á muller do mundo rural galego que se pode escoitar todos os días ás 9 e as 21:00 en Radio Fene (107.7 da FM) e na web www.radiofusion.gal

O podcast está dirixido por Eugenia Sanmartín con guion de Antonio Tizón e baséase na quinta e última entrega da pentaloxía de novelas e podcast do autor, co policía Xosé Sánchez Pereiro como protagonista. A banda sonora é de Antón Ramos.

O podcast segue a liña das obras anteriores de Tizón, todas elas ambientadas nas comarcas de Ferrol e A Coruña e co amor, a morte e a enfermidade mental analizados en clave de xénero como eixes centrais. Pero, ademais, ten outras peculiaridades, xa que homenaxea a persoeiros e eventos reais, especialmente ao poeta Carlos Oroza, de cuxo nacemento cumpríronse en maio 100 anos, e á Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol, na que o autor participou en varias ocasións.

A protagonista principal do podcast é María Dominga Tenreiro García, a madriña, un personaxe que conta a súa vida e a do seu pobo desde principios do século XX a través de historias persoais, familiares e sociais e mesmo do canto de coplas propias e alleas. Partindo destas premisas homenaxéase a todo un país, diverso pero unitario, como un aporte engadido á conciencia nacional de Galicia.

O proxecto é “multimedia”, xa que une a narración da novela, a dramatización do podcast e a poesía en forma de coplas e incluirá no libro impreso por Edicións Xerais un código QR para que se poida acceder á versión oral.

A entrada ao acto de presentación, no que colabora a Deputación Provincial da Coruña,  é libre.

Lea también

Galeatro abrirá el próximo 21 de agosto en Muxía el proyecto ‘Os Muíños no camiño’

Galeatro lanza este mes su proyecto ‘Os muíños no camiño’, una iniciativa que mezcla las …