Neda activará nas vacacións escolares a súa “Biblioteca do Nadal” con distintas actividades para o público infantil

A Casa da Cultura de Neda reforzará nas próximas festas a súa oferta de lecer para o público infantil. E así, baixo o paraugas da “Biblioteca do Nadal”, proporá distintos obradoiros pensados para o encontro e desfrute dos verdadeiros protagonistas destas datas especiais: os máis pequenos e pequenas da casa.

Durante o mes de decembro, e aproveitando as vacacións escolares, o centro municipal programará un total de tres talleres para achegar aos nenos e nenas aos libros, e promocionar a súa sala de lectura infantil. Nesta liña, o centro vén de estrear unha mostra bibliográfica cos títulos, ambientados no Nadal, que se poden atopar no seu catálogo de préstamos.

A “Biblioteca de Nadal” activarase o xoves 21, a partir das 17 horas, coa proposta “Un Nadal creativo”, que convidará á rapazada a deseñar a decoración do espazo infantil, que acollerá durante o período vacacional as actividades.

A segunda proposta chegará o martes 26, a partir das 11.30 horas, e levará por título “Un Nadal de contos”. Trátase dunha sesión de contacontos, orientada a descubrir aos máis cativos o pracer da lectura en familia, e a animar aos participantes a incluír na súa carta aos Reis Magos algún libro.

E por último, “Un Nadal de postal”, o xoves 28, a partir das 11.30 horas, convidará aos participantes a deseñar a súa propia tarxeta de felicitación do Aninovo, buscando a inspiración nalgunha das obras clásicas de Nadal dispoñibles nocentro.

As actividades contarán con prazas limitadas e será preciso anotarse chamando previamente ao 981 39 02 33.

Lea también

Arranca la temporada de verano en las playas de Ortigueira

Este será el tercer año consecutivo que las playas orteganas cuenten con servicio de socorrismo, …