BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta para a rexeneración da ría de Ferrol

A portavoz do BNG no Parlamento Galego para pesca e marisqueo, Rosana Pérez, visitou hoxe a Confraría de Barallobre xunto co deputado comarcal Mon Fernández e as concelleiras do BNG no Concello de Fene, Sandra Permuy e Angeles Coira.

Na visita puideron coñecer de primeira man as consecuencias do «colapso produtivo da ría de Ferrol«, que segundo datos da propia consellería perdeu entre os anos 2012 e 2022 (o último pechado) máis do 73% da produción de ameixa, sumando todas as variedades, Babosa, Fina, Rubia e Xapónica, con protagonismo absoluto da ameixa Babosa, a típica da nosa ría, a que maior produción en termos históricos tivo e a que maior caída acumula.

O patrón da Confraría tamén explicou aos representantes do BNG o funcionamento e resultado das campañas de outros mariscos, como a Vieira, a Ostra ou a Zamburiña, ou a excepcionalidade das Cuartas listas da ría de Ferrol, que quedaron fora das axudas, tanto do estado como da Xunta, e que pagan unhas taxas ao Ente autonómico Portos de Galiza das que están exentas na Autoridade Portuaria de Ferrol.

A representación do BNG informou ao Patrón maior e membros da confraría do estado actual da tramitación dos orzamentos da Xunta, e a presentación de varias emendas por parte do Grupo parlamentar dirixidas precisamente a mellorar a capacidade produtiva das rías galegas, unha de carácter xeral, para iniciar o que no BNG denominamos Proxecto Rías por un montante de 10M€, e outras específicas para a realización dun estudo integral da situación da ría de Ferrol por 2M€, así como a inclusión da eliminación dos vertidos do Concello de Neda en outra emenda sobre a mellora dos sistemas do saneamento das rías por un total de 20M€.

Desde o BNG «se quere chamar a atención do sector e de toda a sociedade comarcal sobre o feito de ser a produción marisqueira competencia exclusiva da Xunta de Galiza, aínda que na ría existan infraestruturas que sexan competencia de outras administracións«.

Segundo declaran os representantes do BNG «a Xunta como titular desas competencias debera ser a principal interesada en determinar as causas deste colapso produtivo, aínda que a posteriori precise da colaboración de todas as administracións para resolver o problema, o primeiro debera ser realizar ese estudo integral que poida por fin botar luz sobre as causas que veñen provocando a ruína dun sector que podería e debería ser unha grande fonte de riqueza na nosa comarca».

 

Lea también

Clausura en Ares dos obradoiros de Rural TIC

Despois de dúas semanas de actividade, unha centrada en ofertar formacións á veciñanza e a …