Voz e voto para Galicia nas Cortes Xerais de 1520. O conde Fernando de Andrade

José Fonte Sardiña

Ademais da súa fazaña en Seminara, en 1503, que o fixo merecente do título de príncipe de Caserta e de incorporar as dezaoito bandeiras gañadas na batalla ao escudo familiar ―que campa hoxe no emblemático Torreón da vila de Pontedeume despois de ser trasladado o brasón desde o antigo palacio dos condes―, Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, considerado por Couceiro Freijomil como “unha das figuras de máis extraordinario relevo na historia de Galicia” (Antonio Couceiro Freijomil: “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, primeira edición 1944, citado pola cuarta edición, Pontedeume, 1995, p. 241), non dubidou en reclamarlle ao rei Carlos I de España (1516-1556), xunto ás máximas autoridades das cidades de Betanzos e A Coruña, que representaban aos demais municipios galegos, voz e voto para Galicia ―que lle foran arrebatados por Zamora― nas Cortes Xerais celebradas en Santiago de Compostela e na Coruña en abril de 1520, e en pedirlle ao monarca que prohibise a Zamora falar no nome de Galicia “porque no era cosa justa que una çibdad de otro reyno hable ni dé voto por un Reyno tan antiguo y tan noble como es este de Galizia” (José García Oro:   “Galicia en la Baja Edad Media”, Santiago de Compostela, 1977, p 118 e 119) (Escudo dos Andrade no derruído palacio da praza do Conde en Pontedeume e logo colocado nos anos trinta do pasado século no Torreón da vila).

García Oro asegura, sen dúbida ningunha, que esta petición se fixo, pero pensa que, probablemente, foi presentada “fóra dos muros dos conventos franciscanos de Santiago e A Coruña onde discorrían as tensas sesións. E deuse o paso seguinte, que foi levalas ao mesmo rei que non puido menos que acusar recibo destes agravios galegos e de prometer atención particular á súa futura realización” (tomado e traducido de José García Oro: “Pontedeume y sus señores en el Renacimiento”, A Coruña, 2003, p. 119) (Igrexa e convento de San Francisco en Santiago de Compostela).

Igrexa e convento de San Francisco en Santiago de Compostela

Emporiso, como recoñece amargamente Couceiro Freijomil, malia que “moita fora a enerxía posta polo de Andrade nesta ocasión co fin de que o preito do voto se amañase consonte ós seus desexos […], cómpre lamentar que todo o traballo de don Fernando de Andrade e mais o seu patriótico interese neste asunto resultasen inútiles. Ata o ano 1622 non lle fora concedido a Galicia o voto [que perdera nas antigas Cortes de Castela a principios do século XVI a mans de Zamora, con desdouro e descrédito da grandeza do Reino de Galicia] […]. A recuperación deste dereito custara 100.000 ducados, que se pagaran 30.000 pola Igrexa e os demais pola nobreza e mais o pobo” (Antonio Couceiro Freijomil: Op. cit., p. 252-256) (Escudo dos Andrade na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume).

Escudo dos Andrade na igrexa parroquial

Así e todo, o rei Carlos I proclamou a Alonso III de Fonseca (1507-1522) e a Fernando de Andrade, o 11 de abril de 1521, capitáns xenerais de Galicia, aínda que pouco lles durou o cargo, porque, ao parecer de García Oro, a iniciativa minguaba sensiblemente as competencias do gobernador e da Audiencia de Galicia, cuxos titulares reivindicaban permanentemente as responsabilidades militares e defensivas e porque os municipios galegos, e en particular os máis activos, que eran A Coruña e Betanzos, receaban do inmenso poder que o novo título lles confería a Andrade e Fonseca (Vid. José García Oro: “Pontedeume...”, op. cit., p. 120) (Estatua de Alonso III de Fonseca no claustro do
Colexio de Santiago Alfeo, tamén chamado Pazo de Fonseca, sede do Reitorado da USC, realizada polo escultor Ramón Conde Bermúdez e colocada alí no ano 1995 co gallo da celebración do quinto centenario da fundación da Universidade Compostelá).

Fonseca

Non perdeu, porén, o conde Fernando de Andrade o favor de Carlos I, xa que o monarca o consideraba un dos seus principais interlocutores en Galicia e quixo que o acompañase, como capitán da súa frota, na viaxe a Bolonia para ser coroado, o 22 de febreiro de 1530, emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico polo papa Clemente VII, co nome de Carlos V (1520-1558) (Retrato da coroación de Carlos V como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, realizado por Jan Erasmus Quellinus en 1681).

Coroación de Carlos V como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico

Entre as concesións que o rei e emperador lle fixo ao conde Fernando de Andrade ―oitavo señor da vila de Pontedeume―, destacan a renda vitalicia, o 20 de maio de 1520, de 500.000 marabedís anuais, “que demás de las trezientas mill maravedis que tiene de salario en cada un año por nuestro capitán et de otros cient mill maravedis que yo por una mi cedula le fize merced para librárselos en cada año aya e tenga otros cient mill maravedis que sean por todos quinientos mill maravedis de que yo le fago merced para que los tenga en cada un año para en toda su vida” (Antonio Couceiro Freijomil: Op. cit., p. 243) e a fundación do importante negocio que xurdía coa nova Casa de Contratación da Especiería da Coruña, o 13 de novembro de 1523, da que aparecía como valedor e garantía das iniciativas que se emprendesen e respondía por iso diante da Corte. Sete anos despois, o rei Carlos I deixa este negocio en mans dos portugueses (Vid. José García Oro: “Pontedeume…”, op. cit., p. 122-123) (Escudo e estatua xacente non sepulcro de Fernando de Andrade na capela maior ―que mandara facer e onde dispuxo ser enterrado― da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume).

Sepulcro Fernando Andrade

As principais obras que o conde de Vilalba, don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, mandou facer na súa vila de Pontedeume foron o convento agostiño de Nosa Señora de Graza, convertido hoxe en Casa da Cultura, e a capela maior e o retablo pictórico que a preside na igrexa parroquial (Convento Agostiño de Pontedeume).

Convento

Trouxo tamén de Italia a lendaria reliquia de san Nicolás de Tolentino que os frades agostiños arrebolaran ás lapas no incendio do ano 1607 para o sufocar. No incendio de 1621, contan que sacaron en procesión a imaxe do santo e o lume minguou. Por estes feitos, san Nicolás de Tolentino foi nomeado copatrón da vila de Pontedeume o 19 de xuño de 1621 “para todo tempo de sempre xamais”.

Lea también

Matar al mensajero Mato-( Enrique Barrera Beitia)

Enrique Barrera Beitia Desde el pasado 13 de noviembre, el ex-alcalde socialista Ángel Mato ha …