A Deputación da Coruña financia con 197.000 euros a compra de 10 vehículos a outros tantos concellos da provincia para realizar os desprazamentos do persoal do Servizo de Axuda no Fogar, dentro do Programa de subvencións a concellos e outras entidades locais para a adquisición de vehículos para os desprazamentos do persoal do SAF.
As entidades locais beneficiadas por esta novo programa na convocatoria de 2023 son os de As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia e Oza-Cesuras.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso destacou que “esta liña de axudas correspóndese cunha das principais demandas por parte dos concellos da provincia, xa que as persoas traballadoras no Servizo de Axuda no Fogar realizan unha gran cantidade de desprazamentos no seu día a día”.
Mar García subliñou a aposta da Deputación polas políticas sociais, indicando que “o orzamento total de acción social para o ano 2024 supera amplamente os 24 millóns de euros, que permitirán financiar máis de 411.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar e a contratación de 179 profesionais deste sector nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia”.
Os concellos beneficiarios destas axudas deberán estar prestando o SAF con persoal auxiliar propio. Ademais, deberán adscribir o vehículo aos servizos sociais para o seu uso durante toda a súa vida útil.