Narón presenta a campaña de difusión e promoción dos servizos de Emprego e Formación

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, presentaron a nova imaxe dos seus servizos de Emprego e Formación, así como a campaña que está a desenvolver para dalos a coñecer entre o tecido empresarial e os axentes socioeconómicos da contorna.

A decisión de poñer en marcha esta iniciativa resposta á importancia que ten para o Concello difundir o traballo transversal que se desenvolve nesta área e que sitúa a Narón na vangarda en materia de emprego, así como achegar a todos os sectores implicados as ferramentas que teñen á súa disposición para seguir avanzando neste campo.

A imaxe deseñada para os servizos son tres eslabóns entrelazados que utilizan unha gama cromática que parte da que ten o propio logotipo do Concello e que reflicten a interrelación entre as empresas, a institución municipal e as persoas demandantes de emprego. Este elemento gráfico acompáñase do lema “Conectad@s polo emprego” que reforza aínda máis a idea de transversalidade.

A campaña consiste na elaboración e distribución de material informativo sobre as diferentes áreas dos servizos de Formación e Emprego municipais, desde a intermediación laboral ata a orientación, pasando por os servizos de emprendemento e a propia formación, que inclúe un programa propio do Concello que se desenvolve con carácter anual, e que se imparte maioritariamente no Centro de Formación Irmás Froilaz, cursos para obter certificados de profesionalidade e actividades de mellora das competencias dixitais na aula CeMIT.

O Concello elaborou un tríptico que se vai distribuír nas asociacións empresariais, sindicatos, Cruz Vermella, Cáritas e centros de coworking,ademais das oficinas do Servizo Público de Emprego e nas propias instalacións do Concello e do Centro municipal de Formación Irmás Froilaz.

Paralelamente estanse a enviar correos electrónicos firmados pola alcaldesa aos axentes socioeconómicos, e desenvólvese igualmente unha campaña de publicidade nos medios de comunicación locais e de posts nas redes sociais municipais para achegar a información a todas as persoas interesadas.

O Concello dispón tamén de presentacións dos servizos para utilizar en congresos ou xornadas relacionadas co emprego.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …