A Deputación da Coruña abre o prazo do II Premio ‘Xoán Vicente Viqueira’

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para presentar candidaturas á II edición do premio ‘Xoan Vicente Viqueira’, de investigación en ciencias sociais, humanidades, sustentabilidade e innovación.

As bases, que foron realizadas conxuntamente co Instituto de Estudios e Investigación Psicosocial Xoan Vicente Viqueira grazas á mediación do Concello de Bergondo, municipio onde residía o escritor, establecen que se poderán presentar as candidaturas, de xeito telemático a través de SUBTEL, ata o 15 de febreiro ás 14 horas.

A deputada de Educación, Yoya Neira, presentou o premio xunto coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a presidenta do Instituto Xoan Vicente Viqueira, Isabel Lema Blanco, e o presidente de honra da entidade, Ricardo García Mira.

Neira salientou “a aposta da Deputación por dar continuidade a este certame, que ademais de recoñecer o traballo que fan persoas ou institucións nun eido tan importante como o das ciencias e as humanidades pon en valor a figura de Viqueira no desenvolvemento do pensamento filosófico e o progreso da educación en Galicia”.

Pola súa parte, Alejandra Pérez Máquez indicou que “Viqueira é un dos nosos veciños máis ilustres e un adiantado ao seu tempo” e lembrou que “no Concello declaramos o ano 2024 como Ano de Xoan Vicente Viqueira, para destacar o seu labor defendendo a galeguización do ensino, a incorporación plena da muller e outras reformas no sistema educativo”.

Ricardo García Mira salientou que estes premios “recoñecen o valor da investigación científica neste país” e destaca “a figura dun referente para Galicia no ámbito da Psicoloxía, a Educación e a Lingua, como foi Xoán Vicente Viqueira”

Tres premios de 6.500 euros

A Deputación convoca a segunda edición do premio ‘Xoan Vicente Viqueira’ en memoria do filósofo, psicólogo e escritor Xoan Vicente Viqueira Cortón, que naceu en Madrid pero viviu ata os 12 anos en Vixoi (Bergondo) e que desenvolveu investigacións no eido do pensamento filosófico e apostou progreso da educación, sempre co galego por bandeira.

O obxectivo deste certame é o de recoñecer a actividade de investigación e innovación levada a cabo por persoas ou entidades que teñan destacado no ámbito das ciencias sociais e humanidades.

Así, poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades, as persoas que formen parte do xurado ou calquera socio do Instituto Xoan Vicente Viqueira.

Nas candidaturas poderán propoñer a calquera persoa ou entidade ligada a proxectos que se desenvolvan ou relacionen coa investigación e innovación no ámbito das ciencias sociais e humanidades e que teñan a súa residencia ou sede social no territorio español, non admitíndose autocandidaturas.

Establécense tres premios, dotados de 6.500 euros cada un deles, para cada unha das seguintes modalidades, sempre nos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social: á traxectoria de vida ao longo dos últimos 30 anos, á innovación científica e á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova.

Pódese consultar as bases completas no seguinte enlace: https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/11/17/2023_0000009112.pdf

Lea también

La SAF presenta un nuevo número de Poesía Galicia y entrega sus premios literarios

Este sábado día 23 en un acto previsto para las 12.00 horas,  la Sociedad Artística …