Galicia, como outros territorios rurais do Estado, está inmersa desde hai uns anos no Programa UNICO de despregamento de redes de conexión a Internet de alta velocidade nas zonas con menos poboación.
Un programa cofinanciado cos fondos europeos Next Generation que se está desenvolvendo mediante convocatorias anuais ás que concorren grandes firmas coma Telefónica ou Vodafone, ademais doutras empresas de telecomunicacións «neutrais» que se ocupan do estendido da infraestrutura de fibra óptica para logo poñela a disposición das operadoras.
Unha delas é Rede Aberta, ganadora dos concursos estatais de 2022 e 2023 para a ampliación da rede na provincia da Coruña, con quen Moeche acaba de subscribir un convenio que lle facilitará o acceso a Internet ultrarrápido a un bo número de lugares do municipio que quedaron fóra dos anteriores despregamentos, co obxectivo de chegar a completar todo o territorio.
O acordo de colaboración asinado por Beatriz Bascoy e Óscar Barreiro, representante de Rede Aberta, autoriza á empresa a utilizar os postes da iluminación pública para soster neles a nova rede de fibra, que xa se está estendendo polo conxunto do territorio de Moeche.
Rede Aberta apunta como previsión cubrir para finais do ano que entra un total de 155.000 fogares da provincia, que disporán dunha conexión superior aos 100 «megas» de velocidade. O investimento necesario sitúase nos 26,6 millóns de euros, o 50% procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia impulsado polo Goberno estatal con financiamento europeo Next Generation.
Fondos canalizados a través do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (Programa UNICO) no seu apartado de extensión da banda larga en zonas rurais, que xa se vén desenvolvendo desde 2021 con sucesivas convocatorias de cara a rematar coas denominadas «zonas brancas» sen ningún tipo de cobertura e coas «zonas grises», cunha conectividade moi limitada en canto a velocidade.
Os mapas de extensión da banda larga para cada anualidade elaboráronse a partir da comprobación da cobertura existente e dos plans de ampliación das grandes operadoras, ademais de utilizar a información facilitada polos concellos, como foi o caso de Moeche, con traballo de campo e recollendo as demandas veciñais.
En 2021 o concurso ganouno Telefónica, mentres que en 2022 foi Rede Aberta, a través de Vento Rede S.L., quen se fixo coa subvención para un despregamento que se está executando na provincia da Coruña durante este ano e o que vén. Ademais, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital confirmou esta mesma semana aadxudicación, tamén a Rede Aberta, da convocatoria de 2023, que se levará a cabo ao longo de 2024 e 2025.
O despregamento en Moeche
A empresa leva varios meses na nosa zona instalando a súa propia rede para poñela a disposición das operadoras que queiran utilizala logo para ofrecerlle o servizo ás persoas usuarias finais, tanto particulares como empresas. Neste momento xa son arredor de 80 núcleos de poboación, o listado pode consultarse neste documento os que teñen opción de engancharse ao servizo con algunha das compañías que alugan a infraestrutura de Rede Aberta.
E o despregamento segue avanzando durante estes días cara aos lugares da Graña, Monte, Vilariño e A Casanova (Abade), que quedarán listos en breve. Ademais, no Plan Único 2023, recentemente adxudicado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital, ampliarase a relación de lugares ata ir completando o total do territorio.
A extensión verase acelerada gracias á autorización municipal para levar a fibra polos cables da iluminación pública, tal e como se recolle no convenio asinado hai uns días por Beatriz Bascoy e Óscar Barreiro, representante de Rede Aberta.
A intención da empresa, asegura, «é tentar dárlle cobertura a todas as zonas do Concello» durante a execución do Programa UNICO da anualidade 2022, xa está en marcha, e coa convocatoria de 2023 resolta hai escasos días polo Ministerio.
A rexedora local, pola súa banda, explica que o convenio subscrito «non implica custes para o Concello, pero si un grande beneficio social para o territorio, posto que se axilizará a extensión dun servizo tan básico na actualidade como é a conexión de alta velocidade á Internet».
«Falamos de acceder á rede con calidade e coa rapidez que fai falla para poder estudar, traballar ou entreterse en condicións similares ás das zonas urbanas. Para nós é un factor clave para fixar poboación, para atraer novos veciños, e para posibilitar novos modelos de negocio abertos ao mundo desde o rural».