Cedeira conta con Apader para o acendido das luces de Nadal

O Concello de Cedeira celebra este martes día 5 o acto de acendido das luces de Nadal. Ás 18.15 horas aproximadamente iluminarase a árbore situada na praza do Peixe, un dos elementos máis destacados dunha decoración que, un ano máis, tenta chegar a máis rincones das parroquias e que vai contribuír a dinamizar a campaña de vendas do comercio e a hostalería local.

Segundo explicou o concelleiro Noel López, no acto darase o protagonismo a un grupo de persoas usuarias de Apader, que intervirán amosando unha vez máis o seu forte vencello con Cedeira. Tamén haberá música, a cargo da profesora de violín Florencia Pagnucco e varias das súas alumnas.

De novo este ano haberá un teito de luz nas rúas principais do casco vello e na alameda e colocaranse elementos destacados nas prazas do Peixe e Marieta, a devandita árbore e un reno no que a xente poderá subirse, así como noutros espazos do municipio.

Cómpre destacar que a decoración da zona vella completarase este ano con elementos realizados co materiais de refugallo no proxecto “Tecendo redes” da Concellería de Igualdade.

O goberno local adiantou algúns aspectos da programación de Nadal deste ano, entre os que
está a recuperación do campamento “Concilia”, un programa que ofrecerá actividades a nenos durante as mañás do período vacacional para facilitar a conciliación de vida laboral e
familiar.

O Polideportivo Municipal acollerá de novo unha amplísima variedade de actividades e xogos con inchables, realidade virtual e un longo etcétera para garantir alternativas de ocio baixo abrigo en horario de tarde. A esta oferta sumaranse tamén dúas festas acuáticas na piscina municipal.

Tamén informa o goberno municipal que se vai organizar de novo unha festa de Fin de Ano na praza Roxa e outra para Reis, dado o éxito que tivo a do pasado ano, cando se trasladara para esa data a que non puido celebrarse o 31 polo temporal.

Cómpre resaltar tamén que coa chegada das luces de Nadal comeza a campaña de vendas navideñas do comercio cedeirés, que unha vez máis vai desenvolver co apoio do Concello o sorteo de máis de 3.000€ en premios. Os establecementos comezarán a repartir a vindeira semana entre os seus clientes as rifas coas que poderán entrar no sorteo.

A práctica totalidade dos negocios de Cedeira adoitan participar nesta campaña, durante a que tamén decoran os seus locais con luces, alfombras vermellas e outros elementos.

Lea también

La Policía Local de Ares intervino en dos incidencias en la noche del sábado

  En la noche del sábado los efectivos de la Policía Local de Ares han …