O BNG de Narón presenta a moción da ampliación dos vestiarios de Río Seco a pleno solicitando «un proxecto integral para as instalacións deportivas de Río Seco, no que se inclúa unha mellora e ampliación dos vestiarios existentes, que se quedan pequenos para a cantidade de deportistas que por alí pasan a diario; a construción dunhas gradas para o campo de herba seca; a homologación das pistas de atletismo…»
«Son 4 clubes os que fan uso destas instalacións, algún deles con máis de 300 deportistas, e que representan a Narón por todo o territorio»
Asimesmo o BNG de Narón leva as deficiencias do “bowl” do Ponto a pleno. O BNG expón «as deficiencias que presenta o “bowl” do Ponto no pleno, unha instalación en forma de piscina rematada hai pouco e que xa presenta un perigo para a práctica do “skate bowl”, deporte urbano practicado por xente nova e non tan nova, debido ás filtracións de auga e pozas que se fan no mesmo».
«Nesta moción o BNG solicita ao goberno municipal que lle reclame á empresa construtora o arranxo das distintas deficiencias que presenta este “bowl”, e de non conseguilo que destine unha partida orzamentaria para que se faga desde o concello, ao mesmo tempo que solicita o cambio de alumeado público por alumeado deportivo, para que non existan sombras que dificulten a práctica do deporte en horario tardío ou días escuros»
Sobre a moción do PSOE reclamando a modificación da ordenanza das subvencións o BNG expresa «apoiamos a moción do PSOE en canto á modificación da Ordenanza Xeral Municipal de subvencións do Concello de Narón», “é moi importante mudar os prazos de concesión das subvencións e o abono das mesmas ás entidades, moitas delas, como por exemplo as deportivas, vense na obriga de acudir aos bancos e pedir créditos para o abono das licenzas federativas por non ter liquidez no mes de setembro xa que o concello nonabona as subvencións ata finais de ano, sempre e cando lles sexan concedidas”, indica Olaia Ledo
A portavoz municipal expresa asimesmo que “é ilóxico facer actividades durante todo o ano contando cunha subvención para a cal ao mellor logo non cumpres os requisitos e non che conceden”.
Con respecto ás mocións do PP expresa que «aínda que o PP o único que busca coa moción da interposición dun recurso de inconsitucionalidade contra a Lei de ordenación integrada do litoral é a confrontación con Madrid, porque o mar e a pesca nada lle importan, o BNG de Narón vota a favor desta moción porque no que si estamos dacordo é na transferencia de competencias ao goberno galego. A postura do BNG en canto aos aparcadoiro próximos ás vivendas do Bispo foi a abstención» engade