Uns 6.500 escolares acudiron este ano ás representacións da “39ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” de Narón

A trixésimo novena edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, organizada polo Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Deputación da Coruña, rematou este mércores coa representación que tivo lugar na escola municipal infantil de Piñeiros. As nenas e nenos puideron ver a obra “Nidos”, da compañía vallisoletana Teloncillo, que tamén estivo esta semana nas outras dúas escolas infantís municipais, a da Solaina, o luns, e a da Gándara, na xornada de onte. En total, 180 nenas e nenos de 0 a 3 anos puideron ver esta obra.

A estas representacións súmanse as programadas este ano e dirixidas a escolares de entre 3 e 18 anos de terceiro e cuarto da ESO, Bacharelato e Ciclos de centros de ensino de Narón e comarca, que se sucederon dende o pasado mes de novembro nas instalacións do Pazo da Cultura e do Auditorio municipal.

Cinco compañías máis representaron unha vintena de espectáculos que puideron ver alumnas e alumnos de centros de ensino de Narón, e tamén dos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Ares, Mugardos, Moeche, San Sadurniño, Pontedeume, e usuarias e usuarios da asociación de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. A compañía Talía Teatro representou a obra “A parábola do angazo”, Mar Mar Teatro a peza “Un pez en el corazón”, Os náufragos teatro a obra “Hugo”, e Ghazafelhos a obra “Ándale!!! Buen apetito!!!”.

“En conxunto, uns 6.500 escolares tiveron a oportunidade de ver unha representación teatral, con obras adaptadas ás súas idades, no que é xa unha proposta cultural moi consolidada no noso concello e que atrae tamén a municipios veciños”, destacou a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.

A rexedora local incidiu na importancia de apostar pola cultura e a súa difusión, e fixo especial fincapé no feito de que “esta convocatoria sirve tamén para apoiar o gran traballo que realizan as compañías teatrais galegas, cunha presenza maioritaria sempre nesta mostra teatral e tamén moi presentes nas representacións que ao longo do ano se realizan no Pazo da Cultura a través da programación do Padroado”.

Lea también

Convocado el XX Trofeo «Cidade de Narón» de Tiro con Arco

El Club ARCO Narón, de acuerdo con el Calendario Oficial de la Federación Galega y …