Chega a Cedeira a representación de “Costa da Morte: Cartografía dun Naufraxio”

A peza dramática, unha colaboración de Mariña Lestón e o Centro Dramático Galego, poderase ver este sábado 12 no parque do Floreal.

O parque do Floreal de Cedeira acolle o sábado, 12 de xullo, a representación de “Costa da Morte: Cartografía dun Naufraxio”, un espectáculo de Mariña Lestón en colaboración co Centro Dramático Galego que propón unha viaxe polo noso mar a través de relatos reais de naufraxios e de cantigas populares interpretadas en directo.

Esta peza dramática -que se poderá ver a partir das 22:30- pon en valor non só ás persoas que perderon a vida nestas traxedias no mar senón tamén as que quedaron: viúvas, orfos… para que non caian no esquecemento.

A creadora do proxecto, Mariña Lestón, é de Fisterra, medrou escoitando as historias de naufraxios na Costa da Morte e traslada ao espectáculo estes relatos que marcaron as súas vivencias. A peza recolle a fonética da área fisterrá e bergantiñá e serve, polo tanto, de rexistro da riqueza do galego. Ao tempo, pon en valor a tradición oral recollendo historias e cantigas destas comarcas, co obxectivo de preservar a memoria para construír o futuro.

O equipo da produción está integrado polas actrices Mariña Lestón e Vanesa Sotelo, Cristina Domínguez como asistente vocal, Xaime Beiro como encargado das proxeccións e vídeos animado, Jorge Álvarez (iluminador), Carlos Alonso(responsable do espazo escénico e indumentaria) e Anxo Beiro (responsable do material audiovisual).

Lea también

Alumnado del CIFP Leixa en Ferrol visita la exposición de maquetas de Carlos Macías

La concejala de Turismo de Ferrol, Maica García, acompañó al alumnado del curso de Animación …