Fene entra de cheo no Nadal co acendido e a festa Fin de Ano

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, anunciou o acendido do alumeado de Nadal que decorará as rúas e parroquias de Fene durante as próximas semanas. Será este venres 1 de decembro ás 18.00h, e poderase desfrutar até pasada a noite de Reis.

Durante a presentación, Coira desvelou algunhas das novidades deste ano, destacando os cambios na avenida Marqués de Figueroa, onde o Concello de Fene substituíu unha parte das arcadas que viñan sendo habituais nos últimos anos por novos deseños de alumeado que decorarán as beirarrúas.

“Iluminarase tamén o acivro situado ao carón da Casa do Concello, que ademais será decorado con adornos que estivo a facer nestes días a rapazada de Fene en colaboración con varios colexios”, engadiu a concelleira, quen tamén adiantou que na praza Verde de Perlío parte da iluminación cambiouse por decoración, atendendo ás suxestións recibidas.

Nas parroquias, ademais do alumeado, a gran atracción serán os oito “photocalls” deseñados por Ito Mosquera, nos que aparecen o Apalpador, Papá Noel, Elfos, un boneco de neve, unha casiña nunha paisaxe nevada, unha árbore de Nadal con agasallos e unha galleta de xenxibre, que este ano rotan de ubicación, “favorecendo que tanto a veciñanza como as visitantes se acheguen ás parroquias para descubrilos e poder sacar unhas fotos divertidas para o recordo e para compartir en redes sociais”, destacou a concelleira responsable de promoción económica.

O investimento do Concello de Fene para o alumeado de Nadal sitúase en preto de 24.000 €, e en consonancia coas medidas de redución do impacto climático polo consumo enerxético, apagará as luces durante as madrugadas “agás nas datas festivas”

Festa de Fin de Ano

Logo do éxito do ano pasado, desde a área de promoción económica tamén se está a ultimar a segunda edición da Festa de Fin de Ano, coa que Fene daralle á benvida ao 2024. Arrancará na praza do alcalde Ramón José Souto González unha hora despois das uvas, e se prolongará até o amencer.

Como na edición anterior a sesión estará amenizada por unha orquestra e un DJ, que actuarán nunha carpa na que se ofrecerán servizos de gardarroupa e barra. Ao remate da festa, haberá chocolate con churros.

Lea también

Rapaces do CPI As Mirandas, Ares, indagan na construción dunha sociedade máis igualitaria

Ao longo do mes de novembro, como parte das programacións polo 25N en Ares, estudantado …